A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'F'

O canto de cisne das xeracións de ouro belga e croata.
A camiseta do capitán e gran estrela de Croacia, Luka Modric, mostra as bandeiras dos dous grandes favoritos a facerse co pase aos oitavos de final (Foto: EP).
photo_camera A camiseta do capitán e gran estrela de Croacia, Luka Modric, mostra as bandeiras dos dous grandes favoritos a facerse co pase aos oitavos de final. (Foto: EP)

Rocky Balboa é unha película do ano 2006 na que a icónica personaxe creada e interpretada por un Sylvester Stallone xa moi envellecido busca un último momento de gloria ante un campión dos pesos pesados 25 anos máis novo que el.

Non moi distinta é a situación para as xeracións de ouro de Croacia e Bélxica, que após rematar en segunda e terceira posición, respectivamente, no pasado Mundial de Rusia 2018, buscan ofrecer o seu canto de cisne na cita qatarí.

Os balcánicos, liderados por un Luka Modrić que continúa sendo diferencial a pesar dos seus 37 anos, contan cun medio do campo que asusta grazas á presenza do Balón de Ouro 2018, Kovačić e Brozović, pero amosa serias carencias no resto de liñas.

A meirande parte dos xogadores de ambas seleccións europeas dirán adeus para sempre á Copa do Mundo

Les Diables Rouges non están nunha situación moi diferente, pois aínda que o porteiro Thibaut Courtois e o mediapunta Kevin de Bruyne seguen a ser os mellores do mundo nos seus postos, algúns dos outrora activos fundamentais, como Eden Hazard ou Romero Lukaku. hai tempo que deixaron atrás os seus mellores anos.

Como gran candidato a dar a sorpresa e deixar fóra os europeos dalgún dos dous primeiros postos do grupo que dan o pase aos oitavos de final emerxe a selección de Marrocos. A diferenza de Croacia e Bélxica, os seus futbolistas -comandados polo carrileiro do PSG Achraf Hakimi- son moi novos, vantaxe que non en poucas ocasións torna en inconveniente cando a anarquía e a falta de rigor táctico se apodera do seu xogo.

A impetuosa selección marroquina tamén quere pasar aos oitavos

Moitas menos posibilidades de avanzar de fase que o africano ten o combinado canadense, que retorna a unha Copa do Mundo 36 anos despois da man do xogador do Bayern Alphonso Davies.

Comentarios