Balonmán

O Atlético Guardés aspira a prolongar o seu bo momento ante o fechacancelas

Vai ser o cuarto encontro en dez días para o equipo do Baixo Miño.
A vitoria diante do Madeira xoga a favor do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).
photo_camera A vitoria diante do Madeira xoga a favor do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés quere prolongar o bo momento no que se atopa cunha nova e necesaria vitoria. Aínda que as cousas están a lle marchar ben ao club de balonmán do Baixo Miño na Copa Europea após pasar a semifinais cunha agónica eliminatoria ante o Madeira, na Liga hai terreo por recuperar.

A vitoria da pasada cuarta feira ante o Xixón serviu para saír desa temíbel zona de play-out de descenso, mais o equipo miñoto quere seguir escalando na táboa. Para iso, afronta dous duelos capitais en apenas tres días. O primeiro, esta cuarta feira, na pista do pechacancelas: o Grafometal A Rioxa (20.30 horas). É o encontro pendente da xornada 14, que non se puido disputar no seu momento por coincidir co choque de ida dos cuartos de final da competición continental.

Gañar e seguir

As opcións de tomar osíxeno con respecto aos catro últimos postos pasan case obrigatoriamente por gañar na pista do conxunto rioxano e repetir triunfo o sábado en Atarrabia, Nafarroa, ante o Beti-Onak. Serán os dous últimos partidos a domicilio en Liga regular do Guardés, que disputará as seis xornadas finais na casa após a enchenta de choques como visitante da primeira volta.

Ademais de ao seu rival, o Guardés deberá enfrontarse ao cansazo. Este encontro será o cuarto en dez días tras os dous da Copa Europea e o de Liga ante o Xixón.

A adestradora Ana Seabra terá que facer equilibrios para manexar o estado físico das súas xogadoras. Especialmente as da primeira liña. As baixas de Júlia Noz e Pauli Fernández sobrecargaron de minutos a Patrícia Lima, Sandra Santiago e María Sancha. 

Comentarios