O Guardés buscará derrotar ao Xixón na Sangriña

O Atlético Guardés ten esta cuarta feira un novo compromiso ligueiro. A súa adestradora, Ana Seabra, motivou o seu cadro de xogadoras para subir postos na clasificación.   
A vitoria diante do Madeira xoga a favor do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).
photo_camera A vitoria diante do Madeira xoga a favor do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés afronta un intenso mes de febreiro cun total de catro partidos en apenas dez días. Após a vitoria no encontro de ida dos cuartos de final da Copa Europea, na pista do Madeira, tócalle esta cuarta feira recibir na Liga Guerreiras na Sangriña ao Motive.co Xixón (20.30 horas). A ilusión europea, pola súa parte, queda aparcada até o domingo que se resolva a eliminatoria de cuartos. 

Na liga, o Guardés necesita empezar a puntuar con asiduidade. Agora mesmo ocupa a novena posición, polo que debería disputar o grupo de permanencia a final de tempada, algo que a entidade quere evitar por todos os medios. 

Un triunfo permitiría ao conxunto de Ana Seabra igualarse co Beti-Onak no oitavo posto, precisamente o rival que fecha os encontros destes días. Polo medio, conta coa visita a Logroño da vindeira cuarta feira. E nas cábalas clasificatorias entra o feito de que sete dos nove encontros que quedan por na Liga serán na Sangriña. 

O Motive.co Xixón

O rival desta cuarta feira é o sexto clasificado da liga. O colectivo xixonés conta con 16 puntos, sete máis que o Mecalia, e está ben situado nesa zona media-alta da táboa. Tamén figura inmerso nos cuartos de final da Copa de Europa e, no seu caso, está obrigado a remontar cinco goles contra Elxe a próxima fin de semana. Se o Guardés logra avanzar a semifinais, medirase ao gañador desta eliminatoria. 

A formación que dirixe Cristina Cabeza ten varias xogadoras diferenciais no seu persoal. Paula Valdivia, por exemplo, é candidata para ser a máxima goleadora da liga, título individual polo que tamén pelexa a xogadora do Guardés, Sandra Santiago.

Ademais, conta coa lalinense Cecilia Cacheda no centro da primeira liña e a experiencia de Marizza Faría, que segue xogando mentres compaxina o seu cargo de seleccionadora de Paraguai. 

Pola súa parte, a adestradora do Guardés, Ana Seabra, ten as baixas de Ángela Nieto e Júlia Nuez, mais o resto do persoal está dispoñíbel para o reto.

“Imos ir a disputalo con todo para gañar os dous puntos e estamos preparadas e motivadas para facelo”, proclama Seabra, que sabe que o encontro “non vai ser fácil” pola calidade do rival. “Esperamos un partido moi intenso", sentenza a adestradora portuguesa.

Comentarios