O Balonmán O Porriño quere levar o "partido estrela" desta xornada

Ismael Martínez cre "complexo" gañar en Valladolid.
O Porriño co Valladolid (Foto: Xoel Gil).
photo_camera O Porriño co Valladolid (Foto: Xoel Gil).

O Valladolid e o Balonmán O Porriño volverán enfrontarse esta sexta feira, desta vez no pavillón castelán de Huerta del Rey (21 horas). O encontro correspóndese coa décimo sexta xornada da liga Guerreiras e está marcado no calendario como o “partido estrela” polo que será retransmitido por televisión. 

As de Valladolid xogaron o último encontro na casa contra o Gurpea Beti-Onak Azparren Xestión, con vitoria local sobre as navarras cun resultado de 34-26. O equipo valisoletano atópase sétimo na clasificación, cun total de quince puntos. 

Tres postos máis enriba está situado O Porriño, cun total de dezanove puntos. O equipo galego, na última xornada, non puido imporse ao Costa do Sol Málaga no Municipal do Porriño (28-29). Por iso, este novo partido toma especial importancia para afianzarse na zona de play-off esta tempada na propia liga Guerreiras. 

O técnico do Porriño, Ismael Martínez, cualifica o encontro como “moi complexo. Elas están a xogar moi ben”. Competir na casa doas súas rivais, nun pavillón como o castelán, fai que sexa beneficioso para as de Valladolid xa que “se senten moi cómodas na súa casa”. 

Martínez explica que o Valladolid recuperou a súa faceta característica “da transición rápida que é tan difícil de parar” e destaca a volta de Lorena Téllez ás pistas. Ademais, cre que a chave para poder volver á Galiza cos dous puntos pasará por “estar ben no repregamento e ser eficaces.

Temos que recuperar a nosa dinámica defensiva e ir ben ás axudas para non deixalas xogar en proximidade, porque é un equipo que xoga moi ben perto da defensa”.

Para O Porriño, como ben explica Isma, o reto encárase coa  “ilusión de poder irnos a este pequeno parón con dous puntiños máis e estar máis tranquilas para pensar e traballar".

Comentarios