A PREVIA

Atlético Guardés e BM O Porriño fechan a domicilio o primeiro tramo da competición

As da Guarda visitan Valladolid este sábado e o equipo porriñés desprázase até Granollers.
No partido da primeira volta as galegas venceron por 38 a 25.
(Foto: Mecalia At. Guardés)
photo_camera "O equipo está mellorando e acoplándose un pouco máis", celebrou na previa o adestrador do Guardés, Abel González. (Foto: Mecalia At. Guardés)

Atlético Guardés e BM O Porriño despiden este sábado o primeiro tramo da competición —que para en novembro para dar paso ao Europeo— buscando os dous puntos a domicilio.

O equipo da Guarda visita o Aula Valladolid (19 horas) no que xa é todo un clásico da División de Honra. As de Abel González queren voltar á casa co primeiro triunfo como visitantes para afianzarse na zona nobre da táboa clasificatoria.

"O equipo está mellorando e acoplándose un pouco máis. Estase a ver que cada xornada somos capaces de facelo mellor, a liña de traballo é boa e as chicas están adestrando moi duro e agardamos seguir así", dixo o técnico na previa.

Ao remate do campionato continental retornarán Júlia Nuez e Carolina Silva. "Esperamos que estean o antes posíbel para que poidan conxuntarse todas as compañeiras", engadiu González, ao tempo que salientou a dificultade do partido do sábado: "O Aula Valladolid está traballando ben e sacando os partidos adiante, sempre é un equipo perigoso. Nunca te podes confiar".

O Porriño visita Granollers

O BM O Porriño, quinto na clasificación cos mesmos seis puntos que ten o Guardés, terá esta tarde diante (17h) un BM Granollers que até o momento só conseguiu sumar un punto. As porriñesas queren manter as sensacións positivas sobre a pista nun encontro "crucial" para os seus intereses, advertiu o adestrador, Ismael Martínez.

Martínez incidiu en que o rival, a pesar dos resultados, non será fácil de dobregar: "Estiveron moi perto de gañar varios partidos e iso fala do seu nivel competitivo", precisou o técnico porriñés.

A respecto das súas xogadoras, o técnico salientou que chegan "ben" e con "ilusión", fronte a un Granollers que "xoga moi ben a primeira onda do contraataque", polo que será necesario "estar moi atentas cos seus extremos para evitar esa primeira fase".

Comentarios