Héctor Souto, adestrador de fútbol sala: "Quen proba o fútbol sala acaba por gostar del"

Héctor Souto, natural de Chantada, é un dos máis importantes adestradores de fútbol sala con que contamos na Galiza. Desde a selección de Vietnam, ao Parrulo Ferrol e agora en Indonesia, Souto recolle éxitos alá onde vai. Nós Diario conversa con el sobre a súa experiencia así como do estado do deporte na Galiza.
O chantadés Héctor Souto encóntrase actualmente en Indonesia (Foto: LNFS).
photo_camera O chantadés Héctor Souto encóntrase actualmente en Indonesia (Foto: LNFS).

—Actualmente está a adestrar o Bintang Timur Surabaya, equipo da primeira división de Indonesia con que se acaba de proclamar campión da liga. Como foi a chegada alí e a experiencia de gañar a competición?
Cheguei a un acordo con este equipo sobre finais de abril após deixar o Parrulo Ferrol. Tiña ofertas no Estado español mais a de Indonesia era moi boa porque se trata dun club grande e con moitas ganas de medrar. Era algo que me apetecía porque eu xa estivera na selección de Vietnam e fora unha gran experiencia e isto era parecido, mais esta vez eu liderando o proxecto. 

A temporada comezámola mal  con dous empates nos tres primeiros partidos, despois fomos mellorando e acabamos a liga gañando os últimos 13 partidos consecutivos e proclamándonos campións de liga. Foi algo espectacular, a primeira vez na historia do club que se conseguía.

—Vostede levou persoal galego a Indonesia. Como foi o proceso de adaptación?
Foi un proceso rápido. O que nós buscabamos era implementar o noso modelo de adestramento e conseguímolo bastante rápido. Para nós ao principio foi algo chocante porque aquí son musulmáns e tivemos que adaptarnos aos horarios de rezo. 

David Ferreiro, tamén natural de Chantada, é o noso readaptador e especialista en forza que trouxen da miña época no Parrulo até aquí e tamén se adaptou moi ben.

—Que diferenzas ve en canto ao xogo entre a máxima competición no Estado español e en Indonesia?
Sobre todo vexo unha diferenza en canto ao control do ritmo de xogo, que é abismal. Na liga do Estado español os xogadores son do máximo nivel tanto táctico como técnico. Aquí ás veces o xogo é demasiado forzado e precisamente estamos traballando niso para gañar fluidez.

Tamén na liga española hai unha concentración moi grande dos mellores adestradores do mundo e cada semana é unha auténtica batalla, aquí o deporte aínda está en expansión.
—Como ve a situación do fútbol sala na Galiza?
En categorías de base non podo falar moito porque non é que máis coñezo, si que coñezo ben o Parrulo Ferrol ou o Pescados Rubén Burela. No seu día foi unha pena a desaparición do Santiago Futsal, non obstante é unha gran noticia que o Noia Portus Apostoli se incorporase á primeira división.

En xeral, a canteira de fútbol sala na Galiza podería ser maior. A xente que proba o deporte en xeral acaba por gustarlle porque é un deporte rápido, que exixe e que é bonito de ver e xogar.

O fútbol capta moitísima máis xente que antes e iso tamén pode afectar. Non sei cal é o factor, o que si que sei é que non hai tanta base como debería haber no fútbol sala. Se cadra o fútbol non debería meterse tanto en intentar promover cousas como o fútbol 5 e ir máis de man do fútbol sala.

—Cal sería o seu traballo soñado dentro do fútbol sala?
Creo hai algúns proxectos máis interesantes que outros e hai momentos en que chegar a eses proxectos. Por exemplo, se recibise unha chamada do Barcelona, non creo que fose o momento para aceptala. Creo que aos lugares hai que saber chegar no momento xusto, cando se pode achegar algo novo ou axudar.

Non creo que haxa ofertas soñadas no meu caso, senón que hai ofertas máis adecuadas que outras. Creo, por exemplo, que no caso de Indonesia acertei. Cheguei no momento oportuno, eles precisaban unha persoa das miñas características e eu, após a experiencia do Parrulo, tamén me beneficiei de estar aquí.

Levando a Galiza polo mundo adiante

Desde as escolas deportivas de Chantada até triunfar en Asia, a carreira de Héctor Souto está chea de éxitos. Un dos máis importantes foi en Vietnam, onde estivo seis anos. Alí chegou aos oitavos de final da copa do mundo, algo insólito até entón. Tamén adestrou a selección Sub-20 e o equipo Cao Bang.

Desde alí dirixiuse á máxima competición mundial, cando foi escollido polo Parrulo Ferrol como o seu adestrador. Na cidade ferrolá estivo perto de dous anos até que en febreiro de 2021 anunciou a súa renuncia.

Foi uns meses despois cando recibiu a oferta do Bintang Timur Surabaya, equipo da primeira división indonesia onde alcanzou a gloria, dirixindo a escuadra até o seu primeiro título de campións de liga da historia. "Todo o mundo cría que era impensábel, nin sequera no equipo o crían", relata Souto ao rememorar o que foi unha magnífica temporada de chegada a Indonesia.

Comentarios