O fútbol torna en ferramenta para a igualdade na Coruña

Uns obradoiros da Deputación achégano aos e as escolares.
Cristina Oreiro -no centro, controlando o balón-, técnica do Viaxes Interrías da Segunda Federación, impartirá unha das palestras. (Foto: Viaxes Interrías FF).
photo_camera Cristina Oreiro -no centro, controlando o balón-, técnica do Viaxes Interrías da Segunda Federación, impartirá unha das palestras. (Foto: Viaxes Interrías FF).

O fútbol hai moito tempo que deixou de ser cousa dun grupo de 22 señores dándolle patadas a unha pelota para tornar nunha ferramenta de cambio e de loita pola igualdade.

Así o entenderon desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña, con Soledad Agra á fronte, que puxo en marcha cinco obradoiro sobre fútbol feminino en diferentes escolas para achegalo ao alumnado de Primaria e Secundaria.

O obxectivo destas palestras é "analizar a historia recente do fútbol feminino, a situación actual e a importancia do fútbol como medio de formación integral das nenas", sendo impartidas por Pablo Mariño (adestrador UEFA 'B' e actual responsábel técnico da base feminina na Sociedade Cultural e Deportiva Pastoriza), Cristina Oreiro (adestradora do Viaxes Interrías, conxunto que milita na terceira categoría feminina estatal), Uxía Vázquez García (xogadora da SCD Pastoriza) e a veterana Carmen Rodríguez, unha das futbolistas pioneiras do antedito conxunto arteixán, alá polos anos 60 do século XX.

 Segundo destacou a institución provincial, nestas actividades "as nenas e nenos poderán interacturar coas persoas participantes, preguntar e visualizar imaxes, para así poder saber como foi a evolución até a situación existente na actualidade, mais tamén coñecendo todos os atrancos que a día de hoxe se poden atopar no fútbol e no deporte feminino en xeral".

Os dous primeiros destes obradoiros terán lugar tan cedo como mañá, día 20 de marzo, ás 10.15 horas para alumnado do CEIP de Arteixo, concretamente no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías, collendo a remuda ás 12.40 o IES Manuel Murguía.

Traballando na igualdade desde o ano 2016

Estes obradoiros que pon en marcha Igualdade da Deputación da Coruña dan continuidade a un camiño iniciado xa no ano 2016 coa realización documental sobre deporte feminino titulado Contra os elementos, coa realización de 18 videoforums en todo o territorio herculino sobre deporte feminino ou coa publicación do libro da autoría  de Cristina López Villar Mulleres pioneiras no deporte.

Comentarios