A festa do piragüismo regresa ao río Miño co seu histórico descenso internacional

Saída do Descenso Internacional do Miño na súa 50º edición realizada en 2021 (Foto: Club Kaiak Tudense).
O Club Kaiak Tudense realiza esta fin de semana a proba para deportistas que estean nalgunha federación ao decidir separala nesta ocasión da popular que tivo lugar en agosto.

O Descenso Internacional do Miño volve realizarse esta vindeira fin de semana na súa vertente máis federada. A organización, a cargo do Club Kaiak Tudense desde 1979, dividiu este ano en dúas as datas desta proba de piragüismo polo atraso nas obras que se están a realizar nas instalacións náuticas municipais Quique Míguez de Tui.

Por este motivo, e polas condicións climáticas propicias, mantívose o mes de agosto para a proba popular que este ano reuniu máis de 500 persoas nunha competición declarada de maneira oficial como Festa de Interese Turístico da Galiza

Será a 51º edición e a súa historia está marcada pola importancia do río e o seu papel na zona. Das carreiras improvisadas pasouse nos anos sesenta a unha competición regulamentada que puxo en práctica o Club Náutico San Telmo. O Tudense recolleu a idea a finais dos 70 e deulle un carácter popular que aínda mantén hoxe en día. 

O técnico, adestrador e secretario do Kaiak Tudense, Manuel Pedrares, puntualiza a Nós Diario que a separación do descenso que tivo lugar este ano “é circunstancial, segue a ser unha proba única”. Explica que xa teñen todo preparado para que o sábado comece a competición pola tarde.

O inicio está previsto para as 17.10 horas, momento en que sairán as embarcacións de padeo a pé. Ás 17.30 horas, e de maneira simultánea desde a marxe portuguesa coa categoría feminina e desde a galega coa categoría feminina, será a quenda das de canoa, para engadírselles os k2, estas últimas desde a ponte internacional. 

Algo máis que unha competición

O Descenso Internacional de Miño conta coa singularidade de realizarse nun río transfronteirizo que empregan por igual practicantes do piragüismo das dúas beiras. Pedrares leva moitos anos organizando esta competición e recoñece que para o seu club “é unha proba de referencia para nós e para a Tui, é o día do río polo que é un orgullo facela”.

Máis alá dos resultados deportivos que se dean ao finalizar a xornada, o técnico tudense salienta que a intención é que “a cidade viva o río como nunca é a data en que todo o mundo baixa para vivilo como nunca”.

Participación deportiva internacional e de nivel

Máis de 400 padeeiras e padeeiros terán que cubrir os 14 km que separan Salvaterra de Miño e a meta na ponte Internacional de Tui. Desde a súa creación participaron ao redor de 60 clubs de varias nacionalidades que competiron nas modalidades K1, K2, C1, C2 e SUP. Entre os seus vencedores atópanse varias campioas e campións olímpicos, mundiais e de Europa. 

“Por este mesmo río pasaron e seguen a pasar moitas campioas e campións”, asegura Pedrares. Lembra que este ano o mundial de maratón en piragüismo será dentro de pouco máis de dúas semanas moi perto de Tui, na localidade portuguesa de Ponte de Lima, polo que “moitas e moitos deportistas aproveitarán para experimentar cal é o seu estado de forma a modo de test previo en fondo”.

Por este motivo considera que "o nivel desta proba sempre é un referente para todas as demais probas que se realizan deste tipo no país".