200 palistas competirán en Cervo pola Copa Deputación

As augas do Río Covo acollerán a Copa Deputación de Piragüismo esta fin de semana. Outes tamén protagonizará outra proba de piragüismo dentro do I Circuíto da Deputación da Coruña.
Efrén Castro, segundo pola esquerda, na presentación da liga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Efrén Castro, segundo pola esquerda, na presentación da liga. (Foto: Nós Diario)

O encoro de Río Covo, no municipio de Cervo, acollerá este sábado unha nova regata da Copa Deputación de Piragüismo, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa participación dos clubs e da Federación Galega de Piragüismo.

A organización desta terceira proba, a cargo do CD San Cibrao, prevé a participación de máis de 200 palistas de diferentes categorías desde prebenxamín até xuvenil de seis clubs de augas tranquilas -CD San Ciprián, CP Altruán de Ribadeo, Club Kayak Foz, CP Viveiro Urban Hotel, Cidade de Lugo e Club Fluvial de Lugo-. As saídas comezarán ás 10 horas e faranse de forma continuada, por categorías. 

O deputado de Deportes, Efrén Castro, convidou ás afeccionadas e aos afeccionados a seguir a regata “e animar ás novas promesas do piragüismo na comarca a través destas probas que contribúen tamén ao impulso e á proxección dos propios clubs”.

Tras as dúas primeiras regatas, disputadas en Portomorín e Ribadeo, a clasificación por clubs encabézaa até agora o Club Fluvial de Lugo, seguido por Cidade de Lugo e CP Altruán de Ribadeo. 

I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña 

Tamén este sábado 23 de xullo terá lugar outra proba deste deporte. Trátase do I Circuíto de piragüismo en augas tranquilas Deputación da Coruña que se realizará en Pontenafonso, Outes. Na súa estrea xa conseguiu récord de participantes, cun total de 444 deportistas das categorías base de clubs que confirmaron asistencia.

Será a cuarta proba dun circuíto que xa pasou por Narón, Boiro e Betanzos e culminará coas competicións de Ames e As Pontes. Participarán deportistas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos nas categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. As modalidades que competirán serán caiac homes, caiac mulleres, canoa homes, canoa mulleres e paracanoe. 

Entre os clubs que estarán presentes figuran os clubs Rías Baixas-Nautico Boiro, Grupo Xuvenil das Pontes, Náutico Ría de Betanzos, Kayak Mar Ría Muros Noia, Sociedade Deportiva As Xubias, Náutico de Cambre, Deportivo Náutico de Miño, Ribeiras do Tambre,  Cabanas KDM, Náutico Firrete e Piragüismo Rianxo.

Comentarios