O Burela inicia o asalto ao enésimo título

As da Mariña queren o seu terceiro campionato ligueiro consecutivo
A última vez que se enfrontaron Burela e Poio saíron campioas as da Mariña. (Foto: Burela FS).
photo_camera A última vez que se enfrontaron Burela e Poio saíron campioas as da Mariña. (Foto: Burela FS).

O Pescados Rubén Burela de fútbol sala, o equipo galego máis galardoado en todas as disciplinas dos últimos tempos, tratará de satisfacer de novo a súa voracidade de títulos nun play-off pola Liga que arranca hoxe ás 21 horas no Pavillón Gabriel Pérez ante o Roldán de Torre-Pacheco (Murcia).

Campión de Liga nas tempadas 2019/20 e 2020/21. Gañador das últimas catro edicións da Copa da Raíña e das tres Supercopas de España máis recentes. Erixido número un do continente tras levantar a recente Futsal Women's European Champions. Distinguido dúas veces seguidas como Mellor Equipo do Mundo nos Futsalplanet Awards... esgotaríanse as liñas desta páxina debullando os logros recentes dun Pescados Rubén Burela que, a pesar de todo, non está saciado de triunfos, como demostrou hai un mes no torneo do KO.

Agora é a quenda da competición da regularidade, onde chega ao play-off tras rematar en segunda posición na táboa clasificatoria, só por detrás de Futsi Atlético Navalcarnero. Porén, galegas e madrileñas, que conforman as -con diferenza- dúas escuadras máis potentes do panorama estatal, enfrontáronse na derradeira xornada de ligueira con vitoria laranxa pola mínima (1-0, minuto 31, Lara Balseiro).

O primeiro rival do Pescados Rubén Burela será o terceiro na táboa, o sempre incómodo STV Roldán de Torre-Pacheco, nunha eliminatoria que arrancará mañá en Murcia e rematará ás 21 horas do sábado, 18 de xuño en territorio galego.

Alí as xogadoras dirixidas por Julio Delgado estarán obrigadas a ofrecer a súa mellor versión se queren pasar por enriba dun Roldán que comezou o torneo dun modo moi irregular, chegando a ocupar a undécima posición, pero que foi quen de recuperarse até rematar a proba en postos de play-off.

Quen, lamentabelmente, non estará loitando polo título ligueiro será o Poio Pescamar, pois rematou en quinta posición con 55 puntos, a tan só un da cuarta praza de Melilla Sport Capital Torreblanca -rival do Atlético Navalcarnero na outra semifinal- e a tres do propio Roldán. Na derradeira data necesitaban gañar e que pinchase e Melilla para clasificarse, fallando esta segunda parte da ecuación.

As Irmandiñas xa teñen nomes

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) oficializou os nomes dos escollidos para integrar as seleccións galegas Sub-14 e Sub-16 que representarán á Galiza no inminente Campionato de España, que se desenvolverá do 17 ao 22 de xuño en Pontevedra.

Até a Cidade do Lérez desprazaranse nesas datas un total de 38 seleccións -19 en cada categoría- e máis de 1.000 participantes.

Deportivamente, a Irmandiña competirá no Grupo Ouro logo de certificar senllos billetes na primeira fase que tivo lugar en Asturias, debutando na categoría Sub-16 ás 15 horas do día 17, sexta feira, ante o combinado de Andalucía. Cinco horas máis tarde, ás 20, será a quenda dos rapaces da Sub-14, que colisionarán coa selección do País Valenciano. 

Deportivo e Celta son os equipos que achegan máis xogadores ás Irmandiñas Sub-16 e Sub-14, sendo un total de 12 no caso herculino e de 11 no celeste. Tamén destaca a presenza de futbolistas de conxuntos como San Tirso (6) ou Ed. Val Miñor (2) e Ed. Xuvenil Oroso (2).  

Comentarios