Presidente da UD Ourense

Fernando Currás: "Queremos potenciar a nosa identidade e decidimos difundir a Xeración Nós"

A UD Ourense comezou tempada en Preferente Galiza cunha nova directiva que procura sumar identidade e cultura ao deporte. Fernando Currás, a cabeza visíbel do proxecto futbolístico, fala para Nós Diario da implicación que debe ter o fútbol no futuro da sociedade e da achega que fará o club en relación á cultura galega.
O presidente da UD Ourense, Fernando Currás (UD Ourense).
photo_camera O presidente da UD Ourense, Fernando Currás (UD Ourense).

A chegada da nova directiva ao club ourensán fíxose notar desde o inicio da tempada. Primeiro cos contactos coas fundacións que representan os protagonistas da revista Nós, lembrando o seu centenario, e despois coa campaña en redes sociais "UD Ourense x Grupo Nós". Empregan a música de Sés para captar socias e socios ademais de contar con dúas camisolas nas que aparecen, entre outros, Castelao, Otero Pedraio e Vicente Risco. Este domingo 17 de outubro presentarán a terceira, ao tempo que inauguran o que pretenden sexa unha tradición: a I Romaría Unión Deportiva Ourense (Estadio do Couto, 11.30 horas). Música galega, xantar popular e foliada para inaugurar unha nova etapa. 

Imaxinouse algunha vez presidindo un club?

Non. Fun e sigo sentíndome futbolista, o que imaxinei de pequeno. Por sorte ou por esforzo, o fútbol é tan complexo que non sabería dicir a palabra. Tiven o pracer de gozar do xogo dentro do campo, que creo que é o lugar onde máis se sente. Os protagonistas son os que xogan. A miña carreira, ao rematar, levoume a sacar o título de adestrador, coa vocación de seguir ligado e asumir responsabilidades. 

Despois, unha reacción espontánea levoume a propoñerlle á asemblea seguir defendendo o proxecto no que estamos, que leva pouco tempo, sete anos, como máximo responsábel... Non me gusta a palabra presidente. O importante non son os cargos nin os títulos mais para min é unha necesidade vital chamarlle ‘responsabilidade’. 

Vai moito máis alá que presidir un equipo de fútbol. Somos un club diferente. É unha das partes que máis peso tivo na miña decisión.

Cal é o proxecto para esta nova etapa da UD Ourense?

As orixes son fundamentais e é o que lle dá sentido a este club. Nace despois da desaparición do Club Deportivo Ourense, o equipo da cidade, por motivos moi coñecidos. Negámonos como afección a que a burocracia se cargase un sentimento tan grande que chegaba máis alá de Ourense. Este club non tería sentido se as e os afeccionados non nos reuniramos e nos mobilizaramos para sacar adiante unha entidade deportiva cun modelo de fútbol popular, afastándonos do que está de moda agora, como son as sociedades anónimas, os grandes investidores e os soños capitalistas. 

O fútbol é vehículo de moitas emocións. Temos uns estatutos cunha identidade propia e queremos facer algo diferente. Contamos co apoio da xente, que é o máis importante. Veñen animar, mesmo desde a categoría máis baixa, para dicir que isto non rematou, só mudamos de nome. 

Comezamos de cero e conseguimos ascender de categorías en pouco tempo. O problema foi que esa ambición por seguir subindo se saltara un pouco os estatutos e afastámonos do que nos fixo volver. Agora estamos nese punto de defender o noso. Do que máis orgullo teño é do crecemento da nosa canteira, do fútbol base, que é o que nos dará sostibilidade. 

Cal foi a razón de escoller á Xeración das Irmandades como protagonista esta tempada?

Queremos potenciar a nosa identidade e por ese motivo decidimos difundir a Xeración Nós. Movemos xente. Podemos ser o vehículo para que rapazas e rapaces saiban de onde vimos e quen somos. Sendo o centenario da revista, non podiamos deixar de resaltar e potenciar algo que compartimos e co que nos sentimos identificados. Na defensa da cultura galega todo o que fagamos é pouco. As cousas son máis sinxelas do que nos queren facer ver. Estamos moi orgullosas e orgullosos de levar a Xeración Nós nas nosas camisolas e de dar visibilidade. Oxalá sexamos capaces de contaxiar o interese polo noso. 

A lingua e a cultura serán elementos que trataremos de cultivar e que vaian da man do noso crecemento. Non teño a sensación de ser pioneiros nin o facemos con esa intención. A nivel económico hai cousas que non custan tanto. A idea é que nos identifiquen co que transmitimos ao exterior. Non é un esforzo, é unha bendición. O mérito foi da Xeración Nós e do valor que ten na sociedade galega. 

Somos un club e o deporte ten o seu peso, mais ás veces boto en falta algo máis. Este deporte ten moita repercusión e moitas veces está desaproveitada para cousas que van máis alá dun simple resultado. Custaríame darlle visibilidade a algo que non me identifica a cambio de recursos para o orzamento. 

Hai rapaces que preguntan que é a Xeración Nós... paréceme dunha gravidade...

Ver que hai rapaces que preguntan que é a Xeración Nós... paréceme dunha gravidade... non me quero meter coa educación, mais que non saiban o que significou para a nosa terra... Desde o club creo que facemos algo para que o saiban, que teñan contacto co noso pasado e que poida ter futuro. Percibo un cambio de modelo nos clubs e para ben. A sociedade precisa outras cousas, hai elementos que non están nos orzamentos nin se compran. Nós tentarémolo.

No ámbito deportivo, que expectativas ten para o equipo?

Vimos dun descenso complicado, cunha tempada moi complexa coa Covid-19, que arrastrou a moitos equipos. Atopámonos en Rexional Preferente e é un golpe duro para toda a afección. Por sorte, mantivemos parte importante do cadro de xogadores. Estamos a tratar de volver á categoría, que sería o obxectivo. Pelexar por ascender co primeiro equipo e, sobre todo, medrar coas categorías inferiores. Estar na categoría que merezamos e que sexa todo real, non ficticio. Estou moi contento co todo o cadro de persoal e coa afección. Levamos catro partidos e estamos nas 1.000 socias e socios.

Comentarios