Fútbol e cultura unidos en Ourense pola Xeración das Irmandades

A nova directiva da UD Ourense homenaxea este ano nas redes sociais e no campo a memoria dos protagonistas no seu centenario.

Xogadores da UD Ourense coa segunda equipación (@yedra_seara)
photo_camera Xogadores da UD Ourense coa segunda equipación (Foto: @yedra_seara)

A chegada á presidencia da Unión Deportiva Ourense hai uns días de Fernando Currás promete. O pasado 9 de setembro as redes sociais do club anunciaban que “durante toda esta tempada faremos unha homenaxe a este grupo, que aínda que dende un ámbito moi distinto ao deporte, fixeron historia resaltando o NOSO”. A campaña leva por nome ‘UD Ourense x Grupo Nós.

Engadían a través de Twitter e Facebook que “neste ano, que fai un século do seu nacemento, querémonos lembrar deles e agradecerlles o pulo que lle deron á nosa cultura”.

A homenaxe comezou ese mesmo día coa publicación da capa dun número da revista Nós e seguíronlle os días seguintes as biografías de Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco.

O Grupo Nós na camisola

Ademais de difundir os protagonistas no seu centenario desde a UD Ourense sinalaron que tamén o farán o campo de xogo.

“Como é o centenario da Xeración Nós sairán nas nosas camisolas”, explicaba o presidente da entidade, “cremos que é obriga nosa, ademais de gañar partidos, achegar na medida do posíbel a cultura”, engadía en declaracións aos mediso de comunicación.

Para Currás, “o club ten unha certa responsabilidade social” e insistía en “defender o noso”.

A campaña foi moi ben acollida por seareiras e seareiros ademais de por entidades como as fundacións Vicente Risco e Otero Pedrayo.

Comentarios