Fútbol

Fechan o campo do Xetafe polos insultos racistas da súa afección

A causa foron os berros proferidos desde as bancadas durante o partido Xetafe-Sevilla da pasada xornada.
A Quique Sánchez Flores chamáronlle "xitano". (Foto: Europa Press).
photo_camera A Quique Sánchez Flores chamáronlle "xitano". (Foto: Europa Press).

O Comité de Disciplina da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) sancionou o Xetafe, conxunto que milita na Primeira División masculina, co fechamento parcial do seu estadio, o Coliseum Alfonso Pérez, por un período de tres partidos, ademais de imporlle ao club unha multa económica de 27.00 euros.

A causa foron os berros proferidos desde as bancadas durante o partido Xetafe-Sevilla da pasada xornada contra o xogador visitante Acuña, a quen chamaron "mono", e o técnico rival, Quique Sánchez Flores, sobriño de Lola Flores e ex adestrador do propio Xetafe en dúas etapas, a quen berraron "xitano".

O Comité tamén pediu á escuadra madrileña que "identifique  a estrutura das bancadas do recinto deportivo, a fin de determinar a zona do estadio obxecto de fechar", sendo, segundo a acta arbitral, o sector situado na zona central do campo, detrás da posición do segundo árbitro asistente.

Ademais, durante o desenvolvemento dos partidos que abrangue a sanción, a zona clausurada deberá mostrar "unha mensaxe visíbel de condena aos actos e condutas violentas, racistas, xenófobas e intolerantes no fútbol e de apoio ao xogo limpo".

Este é un novo caso de racismo no fútbol profesional español, unha problemática que se vén multiplicando nos últimos tempos e en multitude de estadios con anterioridade ao longo desta tempada 2023/24.

Comentarios