Europa e a UEFA decláranlle a guerra total á Superliga

Todas as ministras de deportes da UE, agás a española, asinan unha declaración "informal" contra a competición.
Javier Tebas é o presidente da Liga de Fútbol Profesional desde o ano 2013. (Foto: EP).
photo_camera Javier Tebas é o presidente da Liga de Fútbol Profesional desde o ano 2013. (Foto: EP).

Sopran ventos de cambio na elite do fútbol continental a causa da irrupción da Superliga, un proxecto alternativo á Liga de Campións impulsado polo Real Madrid e o Barcelona que transcendeu os límites do propio fútbol.

Isto queda demostrado pola declaración conxunta dos países membros da Unión Europea criticando a iniciativa, solicitando a súa eliminación e, ao mesmo tempo, reafirmando o seu compromiso coa "protección dun modelo deportivo aberto e solidario" que contribúa a salvagardar "os valores do deporte".

Promovida por Francia, a única ministra de Deportes dos 27 que non ratificou coa súa sinatura a declaración foi a española, Pilar Alegría, por, polo menos de forma oficial, ter o Estado español "un proceso xudicial aberto" no Xulgado do Mercantil número 17 de Madrid coa Superliga como protagonista, razón pola cal desexa evitar "interferir".

Visibelmente excitado, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, o ultradereitista Javier Tebas, afirmou que "sorprende -ou non- que España sexa o único país da UE que non asine a declaración".

Un nerviosismo que comparte co seu homólogo a nivel continental, o máximo mandatario da UEFA, Aleksander Čeferin, quen dixo que a Superliga está "cavando a súa propia tumba" e que os seus promotores, "aínda que van de salvadores do fútbol", son "depredadores".

Comentarios