Opinión

A Superliga, a vinganza dos afeccionados

Quen nos ía a dicir, María e Vicent, que teriamos que falar de fútbol mesmo nesta sección dos nosos xornais e que as ondas deste deporte chegarían ata nós.

Vicent non é moi afeccionado ao fútbol, pero si que é un fervente afeccionado do Barça. Especialmente, desde que as directivas do equipo apoiaron o dereito para decidir ao principio do proceso catalán. Seguindo o meu olfacto, María, atreveríame a dicir que non es moi afeccionada ao balón. Eu tampouco o son especialmente, aínda que o siga de preto por tratarse dun fenómeno sociolóxico.

Foi sorprendente o ocorrido esta semana coa Superliga que queren-querían impulsar algúns equipos de fútbol europeos moi potentes. O proxecto destes grandes clubs durou menos que o voo dunha galiña, xa que, ademais de armar balbordo, enfureceu os que ocupan as bancadas, entre os que se atopan algúns dos nosos lectores.

A boa serie do Barça axudou moito a pór a demanda de independencia de Catalunya no mapa político europeo

Estes grandes clubs levaban anos coa idea desa liga europea elitista, pero, ao parecer, as perdas ocasionadas pola pandemia fixéronlles adiantar o proxecto.

Pode que os seus responsábeis calculasen mal: os afeccionados, que levan máis dun ano sen ir ao campo de fútbol, teñen os nervios a flor de pel ultimamente e non están de humor para mostrarse riseiros ante os caprichos dos grandes. Xestionaron mal os tempos, ao parecer. Se o enfado se propagou con rapidez, forza e dun día para outro, foi por mor das redes sociais: velaquí outra vítima dese fenómeno. «Coa Superliga, Catalunya estará máis preto da independencia», díxome na terza feira un compañeiro de traballo que sabe moito de fútbol e de política. «Hoxe, Catalunya está máis lonxe da independencia que onte», dixo na cuarta feira con cara de resignación. É indiscutíbel que a boa serie do Barça, xunto con outros factores, por suposto, axudou moito a pór a demanda de independencia de Catalunya no mapa político europeo. A Superliga tamén axudaría, no caso de que obtivesen excelentes resultados. Con todo, os afeccionados non quixeron.

Comentarios