A Superliga fracasa após a renuncia de todos os participantes agás Real Madrid e Barcelona

O proxecto comandado por Florentino Pérez, Agnelli e Glazer desmorónase en 48 horas
O presidente do Real Madrid e da Superliga europea de fútbol, Florentino Pérez. (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente do Real Madrid e da Superliga europea de fútbol, Florentino Pérez. (Foto: Europa Press).

O intento revolucionario liderado por Florentino Pérez, Andrea Agnelli e Joel Glazer foi sofocado por un conxunto de forzas gubernamentais e oficialistas tan só 48 horas despois do inicio da insurrección.

A linguaxe bélica pode parecer unha esaxeración, pero o proxecto da Superliga tornou en cuestión de Estado, mobilizando gobernos de toda Europa e mesmo provocando manifestacións cidadás de repulsa. De feito, a chave do fracaso dunha iniciativa na que, en palabras do seu vicepresidente, Agnelli, os 12 clubs participantes estaban unidos por un "pacto de sangue", radica na acción do primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson.

Segundo informan desde Inglaterra, o mandatario británico realizaría unha chamada a todos e cada un dos seis conxuntos do seu país que tiñan previsto integrar a Superliga -Manchester City, Manchester United, Chelsea, Tottenham, Arsenal e Liverpool- para informalos de que, no caso de seguir até o final co proxecto, habería consecuencias negativas para eles en eidos como o tributario ou nos permisos de residencia para os futbolistas.

Ante esta acción, non exenta dunha pouco disimulada intención por parte do político conservador de capitalizar o enorme descontento xerado nas illas entre a afección ao fútbol, os rebeldes ingleses ondearon a bandeira branca en sinal de rendición.

Cos estes fóra da ecuación, era cuestión de tempo que o resto capitulasen, e a seguinte fenda chegou por Italia. Primeiro foi o Inter de Milán, quen nun comunicado dixo adeus a un torneo que, subitamente, xa non consideraba "de interese para o club". Horas despois eran os seus veciños do AC Milán os que se borraban e, finalmente, a Juventus depuña as armas. "Seguimos convencidos da vixencia dos supostos deportivos, comerciais e legais do proxecto, mais cremos que actualmente ten limitadas posibilidades de completarse na forma en que foi concibido inicialmente", xustificábase a Vecchia Signora.

Unha vez feito anacos o "pacto de sangue", o comandante Florentino Pérez quedaba oficialmente sen os seus dous principais capitáns, Glazer (Manchester United) e Agnelli (Juventus). Os únicos que se mantiñan fieis ao dirixente madridista eran, curiosamente, os seus eternos rivais do Fútbol Club Barcelona e do Atlético de Madrid, mais este último tamén desertaría, amparándose "na procura da concordia" e no feito de que non se dan as "circunstancias" idóneas.

Agora, só queda coñecer o nivel de magnanimidade do bando gañador e se Pérez conta con algunha bala na recámara para tratar de gañar unha guerra que semella máis que perdida.

Comentarios