Fútbol | Copa

Os equipos da Galiza suman dúas décadas de fracasos copeiros

O Celta, en 2016 e 2017, foi o que máis lonxe chegou nas últimas dúas décadas, alcanzando as semifinais.
O Celta volveu 'pinchar' na Copa. (Foto: RC Celta)
photo_camera O Celta volveu 'pinchar' na Copa. (Foto: RC Celta)

A eliminación do Pontevedra a mans do Mallorca, unida á do Celta ante o Espanyol, deixa a rolda de oitavos de final sen ningún representante da Galiza; é dicir, non haberá nin un só equipo galego entre os 16 mellores da competición do KO.

É a décima ocasión nos últimos 20 anos que acontece esta circunstancia, pois desde que o Deportivo da Coruña levantara o título no ano 2002 -naquel inesquecíbel Centenariazo no Bernabéu, amargándolle ao Real Madrid a festa dos seus 100 anos-, ningún conxunto galego chegou á final, e tan só o propio Dépor e o Celta alcanzaron a rolda de oitavos.

A escuadra herculina -campioa en 1995, ademais de en 2002- leva 12 anos sen estar no 'Top-16', período que coincide no tempo coa decadencia do club, sumido nunha fonda crise de resultados que se remonta ao 2011.

Desde entón foi o Celta o que porta -con maior ou menor fortuna- o pavillón da Galiza na competición. Así, os celestes -que perderon as finais de 1948, 1994 e 2001- estiveron a piques de volver optar ao título en 2016 e 2017, na era de Eduardo Berizzo.

Non obstante, primeiro o Sevilla e despois o Alavés cortaron a progresión olívica nas semifinais, e desde entón non brilla na Copa do Rei, xa que só volveu estar nuns oitavos en 2018 e suma un lustro sen optar a un título que se lle resiste.

Comentarios