Galiza-Panamá

ENQUISA | O XI da Irmandiña: quen conformarán o tridente ofensivo?

As persoas lectoras de 'Nós Diario' elixen o mellor XI da Irmandiña. Cada día, unha nova enquisa.
IMG-20240526-WA0000
photo_camera Unha pequena escolma de atacantes. (Fotos: Europa Press)
Volve a Irmandiña, volve o equipo nacional da Galiza. O vindeiro 31 de maio unha selección capitaneada polo adestrador Diego Martínez, e en Nós Diario buscamos o XI ideal. Para iso, tal e como fixemos o pasado mes de agosto para conmemorar o centenario do Real Club Celta, as lectoras e lectores serán quen decidan quen son os mellores futbolistas para cada posición. Cada día publicarase unha nova enquisa no xornal para elixir os xogadores, e este domingo, após elixiren o porteiro, os defensas e os centrocampistas, as lectoras formarán a súa dianteira ideal, partindo dun esquema 1-3-4-3 e tendo en conta que un dos posíbeis candidatos, o madridista Joselu, fica descartado por disputar o 1 de xuño a final da Liga de Campións.
 

Héber Pena

Aos seus 34 anos, o veterano dianteiro viviu a súa segunda experiencia na categoría de prata logo do seu fugaz paso polo Sabadell na 2020/21 do mellor modo posíbel, anotando cinco goles e converténdose en peza chave do que para moitas persoas é o mellor Rácing de Ferrol de todos os tempos.

Lucas Pérez

O home que renunciou a xogar en Primeira División e pagou medio millón de euros do seu peto por xogar na terceira categoría defendendo as cores do ‘seu’ Deportivo rematou recentemente a súa particular ‘Viaxe do Heroe’ anotando o gol que devolveu o Dépor ao fútbol profesional.

Iker Losada

O Celta deixou que o de Catoira saíse libre logo de non renovar o seu contrato no verán de 2023 e agora, un ano despois, podería pagar até dous millóns de euros por recuperar unha das grandes estrelas do sobresaínte Rácing de Ferrol de Cristóbal Parralo, até o punto de ser titular en todos e cada un dos partidos da tempada, na que anotou sete goles e repartiu outras tantas asistencias.

Rodrigo Moreno

Logo de abandonar o Leeds inglés, o Al-Rayyan SC qatarí goza esta tempada dos últimos toques de xenialidade dun Rodrigo que, xunto cos seus compañeiros, rematou o campionato en segunda posición e marcou sete tantos. 

David Mella

O home que revolucionou a tempada do Deportivo até o punto de cambiar a dinámica negativa na que estaba inmersa o equipo desde que accedeu á titularidade pode achegar ao ataque da Irmandiña a velocidade, os caneos e o atrevemento propio dos seus 18 anos de idade.

Iago Aspas

A lenda de Moaña, que xa defendeu as cores da Irmandiña en 2016, foi un dos grandes impulsores do retorno da selección galega. Na presente campaña, logo dun inicio irregular recuperou o nivel que o caracteriza até, como sucede todos os anos, tornar en fundamental para que o Celta acade os seus obxectivos.

Pablo Durán

Terceiro máximo goleador -a falta da disputa da derradeira xornada- na Primeira Federación -posto no que está empatado a 12 tantos co deportivista Lucas Pérez-, Pablo Durán explotou nesta tempada 2023/24 até tornar nunha das pezas chave dun Celta Fortuna que pelexará polo ascenso no play-off.

Borja Iglesias

Un ‘9’ á vella usanza, non foi este o mellor ano do compostelán, quen non obstante conquistou a Bundesliga durante a súa cesión no Leverkusen e demostrou ao longo da súa extensa traxectoria, na que acumula máis de 150 tantos en partidos oficiais defendendo as cores de, Betis, Espanyol, Zaragoza ou Celta B que o seu nome é sinónimo de gol.

Outro

Se non che convence ningunha das cinco propostas, podes deixar a túa propia aposta para a portaría da Irmandiña na nosa enquisa.

Comentarios