Derbi entre Marín e Amarelle da Coruña na elite do fútbol sala

O Burela, pola súa parte, defende o primeiro posto en Móstoles.
O derbi será hoxe ás 12 horas. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera O derbi será hoxe ás 12 horas. (Foto: Viaxes Amarelle).

A competición con maior peso da representación galega, a Primeira de fútbol sala feminino -con seis equipos da Galiza sobre os 16 totais- volve este sábado cun derbi como prato forte que será, ademais, o partido inaugural da décimo terceira xornada ligueira.

Deste modo, o Viaxes Amarelle da Coruña recibirá o Marín Futsal ás 12 horas no Pavillón Sagrada Familia, un choque tan especial que espertou o interese da televisión pública estatal, que a través da súa canle Teledeporte retransmitirá o xogo.

Ante esta situación, a escuadra herculina mobilizouse para que as bancadas teñan o mellor aspecto posíbel, e agárdase a mellor entrada no que vai de tempada 2023/24

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, collerán a remuda de forma paralela Poio Pescamar e Pescados Rubén Burela. Esta última defenderá o seu liderado na pista do Móstoles madrileño, un rival que está sorprendendo polo seu bo facer, como reflicte o cuarto posto que ocupa na táboa.

Con respecto á formación pontevedresa, logo do tropezo da semana pasada contra un Melilla que non lle deu opción (3-0), aspira a retomar a senda da vitoria a costa dun Alcantarilla murciano que acumula dous triunfos consecutivos.

Finalmente, fecharán o calendario competitivo do sábado ás 20 horas o Raio Maxadahonda-FSF O Castro e o Ourense OnTime-Melilla, partidos nos que a sorpresa sería un triunfo dos conxuntos do país.

O Noia precisa gañar para apagar o lume

Movendo o foco á elite do fútbol sala masculino, o Noia Portus Apostoli, que atravesa un momento moi complicado, como evidencian as súas tres derrotas seguidas en Liga, necesitará todo o apoio do Agustín Mourís se quere ser quen de vencer este sábado ás 18 un dos grandes, Movistar Inter.

Comentarios