Fútbol

O Dépor ten 85% de opcións de ascenso directo

O regreso á categoría de prata logo de catro anos, cada vez máis preto para o conxunto herculino.
A afección branquiazul desexa berrar de alegría para celebrar un ascenso a Segunda División que se lle resiste desde 2021. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A afección branquiazul desexa berrar de alegría para celebrar un ascenso a Segunda División que se lle resiste desde 2021. (Foto: RC Deportivo).

Toda deportivista, aínda que de palabra negue absolutamente a posibilidade por medo a 'gafala', no seu interior xa bota as contas dun ascenso que leva negándoselle á entidade branquiazul desde 2021 e que, esta vez si, semella estar máis preto que nunca.

Logo do seu triunfo pola mínima (1-0) no encontro da pasada fin de semana fronte Unionistas, o Real Club Deportivo da Coruña continúa de líder do Grupo '1' da Primeira Federación con 61 puntos a falta de sete xornadas para o final do campionato.

Por detrás, aspiran a arrebatarlle a súa privilexiada posición, a única que outorga automaticamente un boleto para competir a próxima tempada na Segunda División sen pasar pola lotería dos play-off, Barcelona B (57 puntos), Gimnàstic de Tarragona (57), Celta Fortuna (54), unha sociedade Sociedade Deportiva Ponferradina (53) que fecha unha promoción na que participan do segundo ao quinto clasificado, Cultural Leonesa (49) e o sorprendente Arenteiro (45).

Se a esa vantaxe do Dépor -que medrou en dous puntos a pasada xornada grazas ao empate que rañou a formación do Carballiño no campo do filial blaugrana- se lle engaden datos como as 12 xornadas seguidas de imbatibilidade que acumula, o feito de gañar 10 deses 12 últimos encontros, e que no seu campo -onde xogará catro dos sete duelos que ten por diante- non sabe o que é a derrota, todo apunta a un feliz desenlace para os intereses deportivistas.

Ademais, o calendario será xeneroso, pois colidirá con tres conxuntos inmersos na zona de descenso a Segunda Federación (Teruel, Logroñés e Sestao),  dous da zona media (Irún e Real Sociedade B) e tan só con dous rivais na parte alta da táboa: Cultural Leonesa e co seu gran rival, o Barça B, nun partido da trixésimo sexta data que podería sentenciar o ascenso.

Estatisticamente, todo apunta a iso, pois logo de empregar a simulación Montecarlo, unha técnica matemática que se usa para estimar os posíbeis resultados dun suceso incerto, após simular 100.000 escenarios alternativos o Real Club Deportivo da Coruña remata en primeira posición e, polo tanto, logra o ascenso directo en 85,86% dos mesmos.

Comentarios