O Dépor inicia a conta atrás para saír do concurso de acredores

A Xustiza aproba a modificación do seu convenio.
Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña aprobou a modificación do convenio de acredores proposta polo Real Club Deportivo, o que significa que a escuadra herculina comezará a pagar tanto a débeda ordinaria como a subordinada cunha quita de 19,99%, un paso previo á conclusión dun concurso do que sairá "este mesmo verán", segundo sinalou a propia entidade.

"A proposta do Deportivo obtivo o apoio da maioría dos acredores", explican desde a entidade branquiazul, pois "co convenio até agora vixente, estes terían que esperar oito anos, até 2031, para percibir os seus créditos no caso da débeda ordinaria, e 17 anos máis, até 2048, no caso da subordinada".

"Agora, coa sentenza favorábel que estima a proposta de modificación do convenio, cobrarán de inmediato os seus créditos, unha vez esta sentenza sexa firme, circunstancia que se producirá aproximadamente en 30 días", engaden.

O cambio persegue "evitar o incumprimento do convenio vixente polos insuficientes ingresos da sociedade, debido a que desde hai catro anos non compite en competicións oficiais profesionais", así como "asegurar definitivamente a viabilidade da sociedade e unha mellor e máis rápida satisfacción aos acredores", afirma o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) nun comunicado.

A xuíza, ademais, indica que se tivo en consideración a disposición mostrada polo accionista maioritario do Dépor (Abanca) "de prestar o financiamento suficiente para o cumprimento do convenio resultante tras a modificación", o que está relacionado co crédito de 17 millóns que o equipo solicitou ao seu propietario na última Xunta de Accionistas, en decembro de 2023.

Máis en DEPORTES
Comentarios