Escotet "aposta" polo ascenso do Dépor

O presidente de Abanca, máximo accionista, fala sobre o futuro do club
A escuadra branquiazul disputará o seu segundo compromiso de pre tempada hoxe ás 18.30 na Magdalena contra o Rácing Vilalbés.
photo_camera A escuadra branquiazul disputará o seu segundo compromiso de pre tempada hoxe ás 18.30 na Magdalena contra o Rácing Vilalbés.

A presentación da conta de resultados de Abanca no primeiro trimestre do ano transcende as páxinas salmón -brancas en Nós Diario- da economía para internarse no igualmente inestábel e volúbel mundo do deporte, pois Juan Carlos Escotet, presidente do Consello de Administración da devandita entidade financieira, accionista maioritaria do Real Club Deportivo da Coruña, tamén deu o seu punto de vista sobre a situación do club branquiazul. 

Escotet confirmou que a intención da empresa que dirixe o Deportivo é "que regrese ao fútbol profesional no menor tempo posíbel", e recoñeceu a "dor enorme" que lle supuxo non conseguilo a pasada tempada, logo da derrota contra o Albacete de Rubén De la Barrera na final do play-off disputada en Riazor.

"Nalgún momento ocorrerá, porque hai un equipo profesional moi competitivo para logralo", dixo o presidente de Abanca, quen apostilou que "calquera das nosas [empresas] participadas son unha aposta estratéxica para nós". Con todo, sen concretar se falaba do Real Club Deportivo, engadiu que esa aposta "nalgúns casos é forzada".

Borja Jiménez , ilusionado

O Dépor afronta hoxe ás 18.30 horas o seu segundo compromiso da pre tempada ante o Rácing Vilalbés, concretamente no campo da Magdalena de Vilalba.

Este encontro suporá unha boa oportunidade para observar de primeira man a evolución dalgunhas das novas caras no cadro de xogadores deportivistas, mais o técnico herculino, Borja Jiménez, non dá por fechado, nin moito menos, o apartado de altas.

"Seguimos valorando tres ou catro reforzos máis. Na dianteira precisamos dun compañeiro para Gorka, pero temos que ser pacientes. Logo, tamén virá alguén que poida exercer de '8' ou de '10'... iremos mirando en que posicións estamos máis xustos e aí nos reforzaremos", explicou o preparador do Dépor.

Porén, non todo o mundo está tan ilusionado como Jiménez coas fichaxes branquiazuis, e logo de recibir acusacións desde Córdoba de "roubarlle" Isi Gómez, o Fuenlabrada denunciou que dous xogadores que tiña fechados optaron polo Deportivo tras recibir ofertas "con salarios de Segunda".

Rácing, Pontevedra e Celta B: amigábeis de Primeira Federación

O Real Club Deportivo non é o único galego da Primeira Federación que entrará en xogo esta fin de semana, pois os outros tres representantes do país na terceira categoría -Rácing de Ferrol, Pontevedra e Celta B- tamén disputarán cadanseus partidos amigábeis.

Os Diaños Verdes desprázanse hoxe (19.30 horas) até As Eiroas para pór a proba o seu nivel ante un rival sempre incómodo como é o Bergantiños. Alí estará presente o italiano Luca Ferrone, a última fichaxe do conxunto departamental, que foi presentada onte polo presidente da entidade, José María Criado. Este puxo en valor a aposta do lateral italiano "por un proxecto ambicioso como é o do Rácing", algo que Ferrone reafirmou indicando que o de Ferrolterra "é un club onde se fan ben as cousas a nivel institucional e profesional".

Tamén xoga hoxe, aínda que ás 11.30 horas da mañá, o Celta B, no seu caso ante o filial do Braga, escuadra contra a que se enfrontou o primeiro equipo celeste na noite de onte. Finalmente, o Pontevedra quere continuar gañando, nesta ocasión ante o Villalonga mañá ás 20 horas.

Comentarios