O CRAT da Coruña xa coñece a súa ruta de cara á consecución da Liga

As herculinas estrean a segunda volta o 18 de febreiro 
O CRAT abrirá esta segunda fase de competición en Sant Cugat, Barcelona. (Foto: Ipeizaguirre / CRAT A Coruña).
photo_camera O CRAT abrirá esta segunda fase de competición en Sant Cugat, Barcelona. (Foto: Ipeizaguirre / CRAT A Coruña).

Finalizada a primeira volta da Liga Iberdrola de Rugby e a División de Honra 'B' Feminina, máximas categorías da competición de clubs a nivel estatal, xa se coñece a orde de enfrontamentos para a segunda rolda de partidos nos que se decidirán as aspirantes ao título, os equipos que deixarán cada unha das ligas, e os que terán que pelexar pola súa praza no play-out ou partido de promoción.

É necesario apostilar que nesta tempada o sistema de competición cambiou, con todos os conxuntos disputando unha primeira fase ou liga regular todos contra todos para, a continuación, dividirse en dous grupos ('A' e 'B'), nos que estarán os catro mellores -entre eles, o único representante da Galiza, o Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña e os catro peores clasificados, respectivamente, que xogarán unha nova liga a unha volta que, en realidade, será a segunda entre os equipos de cadanseu grupo. 

A orde dos partidos determinarase por sorteo, pero investirase a dos partidos en casa e fóra. Todos os puntos contan na clasificación, é dicir, arrástranse e manteñen os puntos conseguidos na primeira fase.

Unha vez que conclúa esta sorte de segunda volta, o primeiro e o segundo do Grupo 'A' accederán directamente ás semifinais dun play-off polo título que se levará a cabo a partido único no campo do mellor clasificado, norma que estará en vigor tamén no referente á final.

Así, o CRAT debutará contra o Sant Cugat en Barcelona o próximo 18 de febreiro, viaxando o 3 de marzo a Valladolid para colidir co Salvador. Dúas semanas máis tarde, o 16 de marzo, recibirá na Coruña o Silicius Maxadahonda, derradeiro partido do Grupo 'A'. Logo, dependendo dos resultados, afrontaría os cuartos de final o 5 de maio, as semifinais o 12 de maio e a finalísima o 19 de maio de 2024.

Comentarios