Aurelio de Tena, presidente do CRAT: "O sénior masculino podería xogar na Estatal no futuro"

Corren ventos de cambio no rugby galego, e un dos máis relevantes foi a chegada do veterano Aurelio De Tena (Madrid, 1960) á presidencia do Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña, un dos conxuntos máis senlleiros do país, que xa albisca o limiar dun 50 aniversario que festexará en 2026.
O seu primeiro contacto co club coruñés remóntase aos anos  90. (Foto: CRAT A Coruña).
photo_camera O seu primeiro contacto co club coruñés remóntase aos anos 90. (Foto: CRAT A Coruña).

É vostede, como se adoita dicir, un "home de rugby". Como e cando tivo lugar o seu primeiro contacto coa disciplina?

Con 14 anos uns compañeiros de clase apuntáronse a un club de rugby en Madrid, onde nacín, e alí xoguei até que acabei os estudos superiores, cando tiven que marchar traballar a Almería, onde non había equipo de rugby. Despois cheguei á Coruña, tamén por temas laborais, e da man de Jesús Collar, que hoxe é o tesoureiro do CRAT, entrei no club como adestrador do feminino. Logo pasei aos xuvenís e de aí ao conxunto de Rexional, rematando na directiva case tres anos como tesoureiro, até 2001.

E agora, máis de 20 anos despois, sucede Pedro López-Sors á fronte dunha institución que está moi próxima a alcanzar a súa media centuria de historia. Cales son as liñas estratéxicas ás que se cinxirá durante o seu mandato?

Si, no seu momento tiven que marchar de novo por razóns laborais, e como agora estou prexubilado volvín e aquí estou, de presidente (ri). Por suposto, xa temos unhas liñas de traballo, sendo a primeira a consolidación do sénior feminino na División de Honra e do masculino na Liga Galega de Primeira División. 

A segunda, o desenvolvemento da canteira e dos equipos da base, manténdoos en todas as categorías e incrementando o número de mozos e mozas que xogan para ter unha canteira o máis potente posíbel. 

E a terceira sería seguir participando e coa maior visibilidade posíbel en todo o que atinxe ao deporte coruñés e galego, todo isto arroupado por unha sustentabilidade financeira, optimizando os recursos que temos e, se é posíbel, incrementándoos para acadar novas metas.  

A primeira desas liñas está centrada no equipo bandeira do CRAT, o sénior feminino, que continúa ofrecendo un bo rendemento na elite estatal a pesar dos numerosos cambios de caras que acontecen ano tras ano. Será posíbel conseguir unha maior estabilidade que permita ao equipo volver facerse co título, como en 2018 e 2019?

Este ano remataron quintas, ficando fóra do play-off por un só partido, polo que penso que foi unha excelente tempada. A cuestión é que ese movemento de xogadoras do que falas é habitual no rugby, existe porque unhas non dan o rendemento agardado e outras precisamente polo contrario, pois funcionan tan ben que acaban recibindo ofertas de equipos case sempre estranxeiros, o mercado móvese así. Claro que nos gustaría ter unha maior estabilidade, pero estamos contentos, porque a base está formada por xogadoras de aquí, e iso mantense ano tras ano. 

A súa 'Cara B' está no conxunto sénior masculino, que desde 2019 non compite na categoría estatal. Polas súas palabras anteriores, entendo que nos seus plans non está recuperar esa perdida posición...

Non o descartamos nun futuro, pero non será a curto prazo. Hai un impedimento importante, ademais, que é como está configurada a división á que pertenceriamos no caso de ascender, que sería o Grupo Norte da División de Honra 'B', na que hai até oito equipos de Euskadi, outro de Asturias e un de Cantabria. Iso abocaríanos a facer até dez desprazamentos, oito dos cales son desde A Coruña até o País Vasco, con todo o que iso supón xa non no económico, senón de desgaste dos xogadores e o corpo técnico. Non obstante, estamos traballando coa Federación Española, a Galega, e con outros clubs da Galiza para ver se este tema pode mellorarse. Evidentemente, cando teñamos un cadro de xogadores de garantías e que queira afrontar o desafío, conseguirémolo. 

Un deporte inclusivo que medra "lento"

O rugby é un deporte minoritario que conta cunha pequena pero sólida base de afeccionados e afeccionadas que, segundo Aurelio De Tena, "vai ensanchándose, pero pouco a pouco".

"Por exemplo, cando eu xogaba o rugby feminino non existía, e agora hai equipos e clubs en case todas as cidades. Con isto quero dicir que o deporte está medrando, aínda que non en forma dun boom como tiveron outras disciplinas", explica o presidente do CRAT, engadindo que no seu conxunto teñen "cada vez máis fichas, porque o rugby deixa moita pegada, marca interiormente á persoa".

Este lado máis humano da modalidade alcanza a súa máxima expresión no denominado "rugby inclusivo", na que o CRAT é "pioneiro" desde hai ano e medio e que consiste en abrir o deporte "a mozos e mozas que teñen algún tipo de discapacidade".

Comentarios