A Coruña será protagonista de dúas xornadas seguidas de festa grazas ao Deportivo

O sábado 20 o 'Día das Peñas' levará a troula á previa do choque do masculino, e o domingo 21 o feminino podería fechar o anhelado ascenso.
Os sorrisos poboarán Riazor. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os sorrisos poboarán Riazor. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol -non sempre nin para todo o mundo, claro- adoita ser sinónimo de alegría, diversión e moita troula. Conscientes diso, na Coruña agardan por dúas xornadas seguidas de festa no coliseo de Riazor que terán lugar na próxima fin de semana.

Así, en primeiro lugar, este sábado, 20 de abril, desenvolverase 0 'Días das Peñas' do Deportivo co gallo do choque que protagonizará na casa o masculino branquiazul contra a Cultural Leonesa a partir das 19 horas.

Nun encontro que podería deixar o anhelado ascenso directo á Segunda División practicamente fechado, e para o que xa non quedan boletos dispoñíbeis, os e as afeccionadas terán a opción de achegarse ás inmediación do coliseo herculino para gozar nas horas previas con bebida e comida como churrasco e polbo a prezos populares, todo acompañado de música ao vivo de bandas como Trapallada, La Piel del Oso, Juego Sucio, The Muppets ou Bastards on Parade.

Un día máis tarde a animación correrá a cargo do feminino do Deportivo, pois logo de quedar a un paso de certificar o regreso á elite estatal -precisaba dun tropezo que non se produciu do seu máis inmediato perseguidor na táboa, o Espanyol, fronte o colista- depende de si mesmo para fechar o ascenso.

Consciente do interese entre o público, o partido co Cacereño, previsto ás 12 horas do domingo 21, será en Riazor, en vez de en Abegondo, como é habitual.

Máis en DEPORTES
Comentarios