A Copa Galiza de XCO trae consigo dúas novas probas

O certame constará de oito paradas en 2024.
A espectacularidade dos eventos está máis que garantida. (Foto: FCG).
photo_camera A espectacularidade dos eventos está máis que garantida. (Foto: FCG).

A Copa Galiza de Cross Country Olímpico (XCO) arranca esta fin de semana, iniciando así un calendario competitivo no eido da bicicleta de montaña que non ofrecerá tregua aos afeccionados e afeccionadas ao deporte das dúas rodas, así como ás e aos bikers que aspiren a imporse nas clasificacións xerais, pois deberán manter un extenso pico de forma ao longo de toda a primavera.

En total serán oito as probas puntuábeis, distribuídas ao longo de 11 semanas, sendo seis desas carreiras xa habituais nos últimos anos e as outras dúas as principais novidades deste certame de BTT coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG).

As primeiras camisolas de líderes, maillots que este ano conmemoran o Campionato de Europa de Ciclocrós que se levará a cabo o vindeiro mes de novembro en Pontevedra, poranse en xogo tan cedo como este sábado, día 6 de abril, no Concello de Coirós, que recibirá unha cita que botará a andar a partir das 16.30 horas grazas aos esforzos organizativos do Club Caimáns de Betanzos, entidade responsábel das sete edicións do evento.

O seguinte domingo, 14 de abril, a Copa Galiza 2024 desprazarase até o sur do país, onde haberá até cinco carreiras. A primeira delas, da man da Escola de Ciclismo Avanza, será o IV Trofeo XCO Concello do Porriño.

Despois desta segunda xornada chegará unha das pequenas parénteses do calendario, imposta pola disputa do penúltimo evento da Copa de España desta especialidade, retomándose a acción o sábado 27 de abril coa estrea do XCO Samieira, o debut como anfitrión do club fundado a principios deste ano no concello de Poio. 

No mes de maio haberá datas puntuábeis en todas as fins de semana, sendo a primeira parada do carrusel o cuarto XCO Kiwi Atlántic, o 5 de maio, certame que ten detrás o Club Ciclista Ribadumia; sete días despois collerá a remuda, grazas ao Club Ciclista Ponteareas, a outra gran novidade da competición, o XCO Escola Borja Gómez Méndez; a continuación, o sábado 18, será a quenda do XV BTT de Maceda; e, finalmente, a decana nacional, o XXIII Gran Premio Concello de Cambre BTT, suporá a penúltima parada dunha Copa Galiza que baixará o pano o sábado 15 de xuño coa Xaxán Bike de Marín.

Comentarios