ciclismo

A Eurocidade BTT reunirá máis de 1.200 participantes

O certame unirá a Galiza con Portugal.
A proba une Tui con Valença. (Foto: Biciosos).
photo_camera A proba une Tui con Valença. (Foto: Biciosos).

A XI Eurocidade BTT, que se levará a cabo o próximo domingo, 17 de marzo, aspira a reunir a 1.200 participantes nunha proba única de carácter transfronteirizo.

Este evento, que forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, contará nesta ocasión con dúas distancias diferentes: unha de 45 e outra  de 80 quilómetros, e por vez primeira os e as participantes de ambos os percorridos subirán ao Monte do Faro, en Valença.

Coa saída prevista ás 9 horas na contorna da piscina municipal da antedita localidade portuguesa, os cinco primeiros quilómetros, neutralizados, decorrerán integramente por alí até o comezo da ascensión polas ladeiras do Monte Aloia, regresando as competidoras a territorio luso pola vella ponte internacional até a Fortaleza, na que está situado o quilómetro 20.

Desde aí, continuarán pola freguesía de Gandra e subirán ao Monte do Faro. Logo de coroar terán dúas opcións, unha con trialeiras e outra alternativa por pistas, até volver a unha ponte internacional onde ás 12.30 se marcará o punto de corte para os e as que afronten o percorrido longo de 80 quilómetros, avanzando por Areas, Pexegueiro e Rebordáns até volver a Valença, que albergará a liña de meta.  

Máis en DEPORTES
Comentarios