O Congreso acepta tramitar a lei que eliminaría a obrigatoriedade de xogar coa selección española

Acabar con esa obriga de atender a chamada da selección española é unha antiga reclamación dos soberanismos, que complementaría a súa aposta por permitir a participación da selección galega, catalá e vasca en todas as competicións oficiais internacionais.
Xogadoras da selección española de fútbol nunha imaxe de arquivo (Foto: Aapimage / Dpa).
photo_camera Xogadoras da selección española de fútbol nunha imaxe de arquivo (Foto: Aapimage / Dpa).

O PSOE aceptou tramitar no Congreso a proposición de lei de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para acabar coa obrigatoriedade de acudir a convocatorias da selección española de fútbol e outros deportes, algo que a semana pasada descartou publicamente a ministra de Educación e Deportes, Pilar Alegría, e que tamén rexeitaron os socialistas durante o propio debate.

A proposta de ERC, que foi tomada en consideración polo Pleno do Congreso co apoio tamén de BNG e do resto de formacións soberanistas, consiste nunha modificación da Lei do Deporte para que a presenza de calquera xogadora ou xogador na selección deixe de ser considerada un deber e sexa exclusivamente un dereito, á vez que estabelece a capacidade de elección libre de calquera deportista para decidir se acudir ou renunciar á convocatoria.

Con iso poríase fin á posibilidade de que a federación correspondente ameace os deportistas con impor multas de 30.000 euros e mesmo con retirarlles a licenza federativa se non acoden á chamada da selección española.

A pasada semana, a ministra Pilar Alegría quixo ser "moi clara" no rexeitamento desta reforma legal de ERC, que a pasada lexislatura xa se refugou na tramitación da Lei do Deporte impulsada polo Goberno español.

A iniciativa foi defendida pola portavoz adxunta de ERC Montserrat Bassa, quen asegurou que a existencia desa obrigatoriedade "é unha maneira de obrigar a ser españois" aos deportistas.

Selección galega?

Acabar con esa obriga de atender a chamada da selección española é unha antiga reclamación dos soberanismos, que complementaría a súa aposta por permitir a participación da selección galega, catalá e vasca en competicións oficiais internacionais. Algo que no caso galego xa acontece no fútbol gaélico.

De feito, Montserrat Bassa xa avanzou que este debate só é "un aperitivo" e que a próxima vez os partidos soberanistas exporán o Pleno recoñecemento das seleccións catalás e "do resto de nacións do Estado" para que poidan enfrontarse contra España en competicións internacionais.

Comentarios