Os clubs galegos de roller derby únense para crear unha liga inclusiva: en que consiste este deporte?

O roller derby é unha disciplina de patinaxe que destaca polos seus valores, xa que promove a igualdade, a diversidade, o respecto, a unidade, a inclusión e o empoderamento feminino. Mais as políticas existentes dificultan a posta en práctica deses principios.
Encontro do Coruña Irmandiñas celebrado en novembro no Pavillón de Elviña para conmemorar o aniversario do equipo. Á dereita, desde arriba, Sonia Lago, Helena Raña e Silvia García. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Encontro do Coruña Irmandiñas celebrado en novembro no Pavillón de Elviña para conmemorar o aniversario do equipo. Á dereita, desde arriba, Sonia Lago, Helena Raña e Silvia García. (Fotos: Carlos Perina - Nós Diario)

Inclusión, unidade, diversidade, empoderamento. O roller derby é un deporte con estes valores moi arraigados. De feito, tanto é así que un dos principais piares desta disciplina é a garantía de ofrecer a todas as persoas un espazo seguro e libre de violencia, odio, capacitismo, transfobia, machismo e calquera outra conduta intolerante. A presidenta do club Sereas Bravas de Vigo, Helena Raña, defende estes principios e explica que "o roller derby acolle todo tipo de persoas e todo tipo de corpos"e fai especial fincapé en que "todo o mundo ten un sitio seguro neste deporte".

Silvia García, presidenta do Roller Derby Coruña Irmandiñas, coincide e, nesta mesma liña, afirma: "Este deporte promove a igualdade da muller, sobre todo, no deporte de contacto. Tamén apoia a participación de todo o mundo sen importar xénero, raza ou relixión".

Porén, esta disciplina atopouse cun impedimento á hora de pór en práctica eses principios que van collidos da man desta modalidade. A lexislación vixente impide que as persoas trans participen na Liga Galega de Roller Derby, pois para poder inscribirse na federación teñen que indicar o seu xénero, que debe coincidir obrigatoriamente coa identidade rexistral, é dicir, a que aparece no documento de identidade. Esta cuestión impide a participación de deportistas na máxima competición de roller derby a nivel galego. Sobre isto, Raña asevera que "o xénero e o marcador do documento de identidade non importa" e sinala que "o roller derby é un espazo seguro onde todes son benvides e isto inclúe as mulleres e homes trans e as persoas de xénero non binario".

Unha nova liga inclusiva

Os clubs da Galiza de roller derby están a organizar unha nova liga, alén das institucións oficiais, co obxectivo de fuxir desas normativas que cualifican de transfóbicas. "Sempre quixemos que a participación e organización de eventos e encontros fose aberta a todo o mundo. Unha solución sería promover uns identificadores no DI que incluísen non só os marcadores de home e muller, senón tamén un para as persoas non binarias", sinala a presidenta do Coruña Irmandiñas.

Pola súa parte, Helena Raña indica que as políticas actuais fan que "persoas queden excluídas" e di que a "única solución é non federarse, organizarse pola súa conta e crear unha liga alternativa onde sexan os equipos os que fagan todo".

Porén, dar forma a unha liga sen apoio das institucións oficiais non é sinxelo e implica certas dificultades. "Xa estando federadas non temos apoios que si teñen outros deportes como poden ser o fútbol ou a patinaxe artística. O roller derby é unha disciplina minoritaria e se aínda por riba non estamos federadas, pasamos a ser tomadas como unha actividade extraescolar. Perdemos a prioridade á hora de reservar pistas para adestrar e organizar eventos", aclara Raña. A presidenta do club olívico tamén afirma que ao deixar de ter o respaldo económico da federación "todo supón un gasto extra", xa que antes a federación asumía os custos de arbitraxe, instalacións,... e agora deben ser pagados polos equipos. "Estamos un pouco máis desprotexidas", agrega.

A postura da federación

Esta tempada varios clubs deixaron de estar federados por mor da normativa que impide as persoas trans xogar na categoría do xénero co que se identifiquen. Sonia Lago, membro do club Sereas Bravas de Vigo e responsábel do departamento de roller derby da Federación Galega de Patinaxe, pon de manifesto que a federación "apoia a decisión dos equipos de crear a liga alternativa" e indica que son políticas e lexislacións "que veñen de arriba", é dicir, doutros órganos oficiais, as que determinan a cuestión.

Sobre esta cuestión, Raña asegura: "é certo que a federación nos apoiou, mais a institución depende da Xunta da Galiza e das leis que están por riba deles. De feito, as normativas son moi difíciles de cambiar, mais probamos a falar con avogados para meter unhas cláusulas específicas para este deporte, é dicir, buscamos solucións por outras vías, e non houbo forma".

Un deporte descoñecido

O roller derby aínda é unha modalidade de patinaxe moi descoñecida e minoritaria. Arredor do 2013, esta disciplina, que pasara até o momento desapercibida na Galiza, comezou a coller pulo, debido á aparición dos primeiros clubs. Co paso do tempo, foron nacendo máis conxuntos, até o punto de que actualmente a Galiza é a autonomía do Estado con máis clubs de roller derby. Segundo Sonia Lago, neste momento, "hai cinco equipos activos", mais no pasado chegaron a existir máis.

Tanto García como Raña coinciden en que a relación entre os clubs é "moi boa" e, debido ás adversidades enfrontadas, existe unha "comunidade". Ambas sinalan que a unidade é "indispensábel" para que este deporte, tan minoritario, siga vivo na Galiza.

Comentarios