Os clubes requisarán as bandeiras "que fagan alusión ao conflito de Oriente Medio"

O Celta xa anunciou que requisará as bandeiras que se intenten meter en Balaídos este sábado.
Bandeiras de Israel e Palestina. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación a favor de palestina nos Países Baixos esta cuarta feira. (Foto: Europa Press / Contacto / James Petermeier).

A Oficina Nacional de Deportes, unidade adscrita á Policía Nacional española, vén de requirir por escrito aos clubes de fútbol que sexan "meticulosos nos controis de acceso aos estadios para impedir todo tipo de simboloxía que faga alusión ao conflito de Oriente Medio". É dicir, que impidan a entrada aos estadios de bandeiras de Israel ou Palestina.

Considera a Policía que estes elementos "poden xerar altercados no interior do recinto deportivo" e que, "no contexto actual" podería vulnerar os artigos 2.1 b e 2.2 d da lei 19/2007, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte.

O primeiro deses artigos recolle como "acto violento" ou que "incita" a ela a "exhibición nos recintos deportivos [...] de pancartas, símbolos, emblemas ou lendas que, polo seu contido ou polas circunstancias nas que se exhiban ou utilicen dalgunha forma inciten, fomenten ou axuden á realización de comportamentos violentos ou terroristas, ou constitúan un acto de manifesto desprezo ás persoas participantes no espectáculo deportivo".

E o segundo, o 2.2 d, que considera unha conduta "intolerante" a "entoación [...] de cánticos, sons ou consignas así como a exhibición de pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais, que conteñan mensaxes vexatorios ou intimidatorios, para calquera persoa por razón da orixe racial, étnico, xeográfico ou social, pola relixión, as conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo, orientación e identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais, así como os que inciten ao odio entre persoas e grupos ou que atenten gravemente contra os dereitos, liberdades e valores proclamados na Constitución".

Equipos como o Club Atlético Osasuna de Iruña ou o Real Club Celta de Vigo xa pediron aos seus seareiros e seareiras que se absteñan de portar estas bandeiras, pois en caso contrario "serán retirados e depositados en consignas do estadio". O Celta recibe este sábado en Balaídos (21 horas) o Atlético de Madrid.

Requisa de bandeiras palestinas en Balaídos

O colectivo celtista Nós denunciou a requisa de bandeiras de Palestina no último partido do Celta en Balaídos, o do pasado domingo ante o Xetafe (2-2), por parte da Liga que preside Javier Tebas.

"A mesma cínica e hipócrita Liga que apoia outras bandeiras nos marcadores das retransmisións deportivas, ordenou á Policía que se requisasen bandieras palestinas a moitas celtistas", censurou a agrupación, nun comunicado no que reivindicaba tamén "esa parte do celtismo sempre solidario que quería amosar o apoio a un pobo que leva décadas masacrado e expulsado do seu propio territorio". "Non foi un protocolo de seguridade, foi un protocolo de represión e mordaza prohibindo bandeiras que son totalmente legais", concluíron.

Comentarios