'Citius, altius, fortius, positivum!', os Xogos Aumentados levan o todo vale ao deporte

A ciencia ficción torna en realidade nun evento no que a dopaxe estará permitida e aplaudida.
Os Xogos Aumentados definen na súa web ao ex ciclista estadounidense Lance Armstrong como un "heroe da ciencia". (Foto: Anita Ritenour).
photo_camera Os Xogos Aumentados definen na súa web ao ex ciclista estadounidense Lance Armstrong como un "heroe da ciencia". (Foto: Anita Ritenour).

En 2012 saíu do prelo o libro 'Gañar a calquera prezo', escrito por Tyler Hamilton, un ciclista norteamericano que comezou a súa carreira no equipo US Postal exercendo de gregario para que o seu compatriota Lance Armstrong conquistase os seus tres primeiros Tours de Francia.

Alí, segundo confesa, familiarizouse cunhas prácticas de dopaxe que contribuirían ao seu segundo posto no Giro de Italia de 2002 ou ao seu ouro olímpico contra o reloxo en Atenas 2004, pero que tamén rematarían abruptamente a súa carreira logo de dar positivo até en dúas ocasións. 

Non obstante, e a pesar de que o corredor de Marblehead confesa que a dopaxe fixo que vexa a súa carreira como "unha mentira", e que acabou por sumilo nunha espiral depresiva na que non faltaron os pensamentos suicidas, a mensaxe de fondo que desprende da lectura repousada da súa biografía é que no pelotón todo o mundo se dopaba e que a gran inxustiza era que se lles subministrasen substancias de peor ou mellor calidade segundo o caché do ciclista.

Para iso, trazou unha comparativa co antedito Armstrong -vencedor de sete tours consecutivos e a gran estrela do momento-, quen nunca chegaría a dar positivo a pesar de inxerir "todo tipo de substancias" para mellorar o rendemento.

Unha idea de videoxogo

Quizais inspirado por esa extrema filosofía igualitarista no deporte naceu, en xuño de 2023, o proxecto dos Enhanced Games -en inglés- ou Xogos Aumentados, unha competición na que, literalmente, todo vale para potenciar o rendemento.

A terminoloxía remite directamente a un videoxogo de ciencia ficción editado 2011 co título Deus Ex: Human Revolution. No mesmo, unha parte da sociedade opta voluntariamente por 'mellorarse', principalmente a través da química e da substitución dos seus membros orgánicos por outros protésecos para saltar máis lonxe ou poder levantar grandes pesos, chegando incluso a organizar os seus propios 'Xogos Mundiais Aumentados' como alternativa aos tradicionais Xogos Olímpicos.

Isto conduce a un enfrontamento social entre os sectores máis radicais das persoas que rexeitan estes avances técnicos e a súa equivalente das aumentadas, que no xogo deféndense acusándoos de "racistas".

Os promotores da iniciativa dos Xogos Aumentados, igual que acontecía na PlayStation, utilizan esta liña argumental, dicindo que a palabra dopaxe remite a "prexuízos raciais", pois ten as súas orixes "no colonialismo das forzas holandesas", que empregaban esa palabra para definir "as melloras do rendemento empregadas polas tribos de África Occidental".  

Defenden que "ser un aumentado non é unha preferencia ou un estilo de vida", senón unha "reafirmación" da forma de ser da persoa, chegando a publicar un "dicionario inclusivo" en contraposición á "linguaxe dolorosa e discriminatoria da Axencia Mundial Antidopaxe".

No mesmo, por exemplo, en lugar de "facer trampas" prefiren falar de "demostración científica", sinalando que "aceptar o poder da ciencia para desatar o potencial humano, como fixeron pioneiros do nivel de Tim Montgomery, Conor Dwyer, María Sharapova ou Lance Armstrong -todos eles protagonistas de escándalos de dopaxe no século XXI- é algo heroico, non tramposo".

2025, a data para a "reinvención dos Xogos"

Os Xogos Aumentados aínda non teñen sede, pero si data: o ano 2025. Así o confirmou a súa cara visíbel, Aron D'Souza, un empresario australiano que uniu forzas con outros homes de negocios como o billonario Peter Thiel -co fundador de PayPal xunto con Elon Musk- ou Christian Angermayer, un transhumanista detrás de varias firmas de biotecnoloxía obsesionado coa xuventude e a idea de prolongar a vida durante varias décadas máis do normal até este momento.  

As reaccións á noticia da súa próxima disputa son, en liñas xerais, moi negativas -Sebastian Coe, presidente da Federación de Atletismo, avisou de que calquera deportista o suficientemente "imbécil" como para participar será "suspendido durante moito tempo"-, mais algúns ex profesionais, como o campión mundial de natación James Magnussen, non se resisten aos cantos de serea dos cartos: "Por un millón volverei do retiro para rachar co récord do mundo dos 50 metros libres".  

Máis en DEPORTES
Comentarios