A ximnasia acrobática despega en Vigo

A cidade olívica acolle a XIV edición da Copa Galiza da modalidade.
O evento terá lugar co gallo do I Trofeo Cidade de Vigo no Complexo Deportivo das Travesas entre o día de mañá e o 27 de marzo. (Foto: Gondomar Acro Club).
photo_camera O evento terá lugar co gallo do I Trofeo Cidade de Vigo no Complexo Deportivo das Travesas entre o día de mañá e o 27 de marzo. (Foto: Gondomar Acro Club).

A ximnasia acrobática -tamén coñecida como acrosport- pode que sexa menos coñecida entre o gran público que a artística e a rítmica, pero non por iso deixa de ser unha disciplina visualmente espectacular na que as súas practicantes poñen a proba a súa axilidade, coordinación, forza, resistencia e velocidade para desenvolver unha serie de rutinas que se estenden -polo xeral- durante 120 segundos e nas que as pirámides humanas de distintas formas que elaboran as deportistas nunca deixan de sorprender.

A afección galega terá a oportunidade de vivir en primeira persoa a experiencia desta modalidade desde mañá e até o vindeiro domingo 27 de maio no histórico Complexo Municipal das Travesas da cidade olívica co gallo da disputa da primeira edición do Trofeo Cidade de Vigo, proba que ademais adquire a condición de Copa Galiza absoluta e de base.

O certame distribuirase en parellas masculinas, parellas femininas, parellas mixtas, grupos femininos (tríos) e grupos masculinos (cuartetos) que realizarán tres tipos de exercicios diferentes segundo a súa idade: estático -ou equilibrio-, onde a atención esta centrada na forza, o equilibrio e a axilidade; dinámico, que inclúe lanzamentos, saltos mortais e capturas; e combinado, que axunta elementos de ambos os anteriores.

Catro xornadas de intensa actividade na cidade olívica

A Federación Galega de Ximnasia (FGX) informa de que tanto na xornada de mañá como na da sexta feira, 25 de marzo, desenvolveranse uns adestramentos oficiais nos que calibrarán o seu estado os 19 clubs participantes, procedentes de todos os recunchos do país e mesmo de Portugal, casos do Sporting Club de Portugal, o Boavista Futebol Club, o Acrogym Club de Coimbra ou o Guimagym CG de Guimarães. 

A competición comezará oficialmente unha vez que rematen os mesmos, e máis concretamente ás 15.30 horas do 25 de marzo, estendéndose ao longo do 26 -a partir das 15.50 horas- e do día 27 en xornada de mañá, concretamente desde as 9.25 horas. 

Marta Bobo, a pioneira olímpica

A da ximnasia é unha disciplina que se elevou até os altares do podio da historia deportiva galega en 1984 da man de Marta Bobo, que tornou na primeira muller do país en disputar uns Xogos Olímpicos 64 anos e 11 edicións despois de que os futbolistas Moncho Gil, Ramón González e Luís Otero abriran en Amberes 1920 tanto o contador da representación da Galiza na proba como o das medallas, coa prata lograda en fútbol.  

Nada no ano 1966, con tan só tres lustros de vida ás súas costas estreouse nas grandes citas no Mundial de Múnic 1981, mesmo ano no que colga do pescozo o seu primeiro ouro no Estatal, manténdose a un gran nivel até 1984 nun trienio no que conquistou outro Campionato de España e participou noutros dous mundiais, meténdose na gran final dos exercicios de aro e pelota. 

Os Xogos Olímpicos dos Ánxeles, nos que finalizou en novena posición, foron o canto de cisne da súa carreira na elite, mais a pesar da súa ausencia en Seul '88 as mulleres galegas non volveron faltar a unha cita olímpica desde os Xogos de Barcelona '92.

Comentarios