O Celta, satisfeito co traballo de Campos, non pode impedir a marcha de Gabri Veiga

Comparecencia do presidente do Celta, Carlos Mouriño, para falar do centenario e a marcha do equipo. O club explica que C. Tangana traballa no himno "con artistas galegos".
O presidente do Celta, Carlos Mouriño (no centro),compareceu xunto ao marketing manager do club, Gael García (á súa dereita) (Foto: RC Celta).
photo_camera O presidente do Celta, Carlos Mouriño (no centro),compareceu xunto ao marketing manager do club, Gael García (á súa dereita) (Foto: RC Celta).

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, levaba tempo sen comparecer en rolda de prensa para falar de temas de actualidade. Onte, acompañado por parte da directiva e co marketing manager do club, Gael García, ao seu carón, abriu os micrófonos en directo nun acto que tamén se transmitiu a través das redes sociais desde a sede da entidade, na céntrica rúa do Príncipe de Vigo

O centenario

Entre os temas que ocuparon as primeiras intervencións estivo o desenvolvemento dos actos do centenario do Celta. Gael García explicou que se estaba a preparar un libro para dar voz a persoas representativas da contorna do club e na que se contaría tamén con xornalistas da cidade.

Ademais, anunciou que C. Tangana “xa está a traballar na composición do himno da man de artistas galegos” e no club contan con facer a súa presentación a finais de maio.

En relación á polémica de escoller unha persoa “de fóra”, García sinalou que o músico “xa acudía á bancada de animación en Balaídos antes de ser famoso e ademais coñece moi ben o club”. En relación coa camiseta oficial do centenario, sen descubrir como será o deseño, asegurou que se presentará ao remate deste tempada.  

Luís Campos e a canteira

Carlos Mouriño, pola súa parte, comezou recoñecendo que o club, no deportivo, estaba “nun momento doce e bonito”. Fundamenta que esta situación, “na que se aspira a todo e agardamos restar puntos cos de arriba”, débese á chegada ao club de Luís Campos como asesor técnico deportivo.

“É un arquitecto na construción de equipos e, no noso caso, era moi difícil facelo nunha soa tempada”, asegurou o presidente celeste que engadiu que "temos un ano máis de vinculación, pero se todo segue igual de ben, gustaríanos estar máis tempo xuntos".

Nesa liña, felicitou o traballo de Carlos Carvalhal, “que obtivo estes resultados cos mesmos xogadores que comezaron a tempada”. 

Mouriño non esqueceu falar da canteira celeste e lembrou os “36 xogadores que saíron dela e que agora están xogando na primeira categoría”. Alén do caso de Gabri Veiga, que centrou boa parte das preguntas da prensa, o presidente celeste asegurou que "Hugo e Kevin son da canteira e moi queridos, eles decidirán o seu futuro".

Porén, asegurou que “vir da canteira pode facilitar chegar ao primeiro equipo, mais a continuidade dependerá do rendemento”. Falando da canteira, Mouriño non deixou de nomear Iago Aspas. "É o noso estandarte. A súa historia no club é inigualábel e é moi difícil que se repita un xogador como el", asegurou. 

O futuro de Gabri Veiga

"Para comprar Gabri hai que pagar a cláusula. Se non, non se vende", afirmou Mouriño abrindo a quenda de preguntas sobre o dianteiro porriñés. O presidente afirmou que nin o Real Madrid nin o Newcastle contactaron co Celta, mais "dos dez primeiros da Premier, preguntaron catro".

Mouriño deixou claro que "non temos pensado que se marche, mais sabemos que non podemos retelo, estariámonos a enganar se dixésemos que lle vemos opcións". Porén, o presidente celeste recoñece que lle gustaría que Gabri Veiga "estivese a próxima tempada no Celta. Que estea tamén connosco no ano do centenario".

O Celta B será Celta Fortuna

Un dos anuncios que realizou onte Carlos Mouriño, presidente do Celta, foi o cambio de nome do Celta B polo de Celta Fortuna.

A decisión tomouse para homenaxear, no centenario,  as persoas que fixeron posíbel o nacemento da entidade, froito da fusión, en 1923, do Real Club Fortuna e do Real Vigo Sporting Club.

Comentarios