O Celta confíalle ao madrileño C. Tangana o himno do centenario

O clube desprega unha lona no centro da cidade para anunciar a elección.
Lona instalada polo Celta no centro de Vigo para anunciar a elección de C. Tangana. (Foto: RC Celta)
photo_camera Lona instalada polo Celta no centro de Vigo para anunciar a elección de C. Tangana. (Foto: RC Celta)

O que hai un ano comezou como un ruxerruxe é xa unha realidade. O cantante madrileño Antón Álvarez, coñecido nos escenarios como C. Tangana, será o encargado de renovar o himno do Real Club Celta con motivo do seu centenario. "Podo intentalo?", dixera o propio artista, xa en febreiro de 2021, respondendo a un chío do perfil do clube en Twitter no que se propuñan diferentes artistas para encargarlles a tarefa.

Ese mesmo chío está agora pendurado nunha lona situada ao carón da farola de Urzaiz, nun emprazamento moi próximo á sede social do Celta. E cun "Dálle, Pucho" —sobrenome do artista— compartindo a imaxe o propio clube, que xa informara de que buscaba un cantante "de proxección internacional", fixo oficial o anuncio na mañá desta cuarta feira.

O Celta habilitou o pasado ano unha canle de comunicación coas persoas socias para escoitar diferentes propostas de cara aos actos de celebración dos 100 anos de vida do equipo e moitos seareiros e seareiras deixaron tamén as súas propostas para o himno.

Saíron á palestra artistas sobradamente coñecidos na cidade olívica como A Roda, responsábel da actual canción celtiña, ou a mítica banda Siniestro Total, que en maio de 2022 abandonou os escenarios. Tamén se apuntaran nomes como Evaristo Páramos, ex vocalista de La Polla Records —hoxe en Tropa do Carallo— e recoñecido celtista, ou Keltoi, grupo vigués que xa deu letra a outros himnos populares para a afección celeste como 1923 ou Unhas cores, un sentimento.

A noticia desencadeou un aluvión de reaccións a través das redes sociais, tanto a favor como en contra da proposta. "Paréceme ben ser o primeiro en dar un paso á fronte e ofrecerse. Tamén porque nos seus vídeos fai chiscadelas ao Celta. Mais gostaría de que máis artistas galegos e de Vigo tivesen a oportunidade de facer a súa homenaxe ao Celta. E facer un concerto con todos os grupos", sinala un usuario.

"Gústame, dará un toque moderno ao himno", defende outro. Na liña oposta, hai quen lamenta que "un madridista fará o himno do Celta" e quen pon en valor o rico "produto local" de Vigo no eido musical.

Comentarios