Mouriño volve saír ao rescate de Feixoo

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, ofrece ao Sergas as instalacións da clínica e a sede do clube para atender ás afectadas pola COVID-19.
O presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño (R.C.Celta).
photo_camera O presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño (R.C.Celta).

Os camiños do presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, vólvense cruzar nun momento especialmente delicado para o líder do Executivo galego. Desta vez, o empresario vigués, a través da fundación do clube de fútbol, vén de doar material sanitario ao Sergas e tamén de ofrecer ao Servizo Galego de Saúde as instalacións da súa residencia no caso de que fosen necesarias para a atención das doentes afectadas pola COVID-19.

Con esta iniciativa, o Celta busca "axudar ás institucións e colectivos con maior protagonismo na loita contra a COVID-19 e aos grupos de poboación máis desfavorecidos". Bota así unha man á Xunta e ao seu presidente, quen hai uns días se laiaba da escaseza de material ao mesmo tempo que aseguraba ter subministros gardados nun almacén.

O ofrecemento non é cousa menor, xa que a institución que preside Carlos Mouriño cederá ás responsábeis sanitarias, "no momento en que o consideren oportuno", as 28 camas con que contan as habitacións da residencia da canteira, que tamén dispón de zonas comúns, cociña e lavandaría, así como a clínica do clube, con "espazos aproveitábeis para consulta e mesmo para aloxamento" do persoal sanitario. "O clube e a fundación colaborarán ao máximo en todo aquelo que pacientes e sanitarios poidan precisar durante a súa estadía na sede", apunta a institución celeste.

Unidos por Pemex

Mouriño e Feixoo son dous vellos coñecidos. O presidente da Xunta beneficiouse das influencias do empresario vigués a comezos da década para lograr o contrato de Pemex para a construción de dous floteis nos estaleiros galegos. Era tamén unha vella aspiración de Mouriño que se fixo posíbel, segundo recoñece a Fiscalía mexicana, que investiga eses contratos, grazas en boa medida a Juan Camilo Mouriño, fillo do presidente do Celta falecido nun tráxico accidente de avión en 2007. 

O fillo de Carlos Mouriño era por aquel entón a man dereita do presidente mexicano, Felipe Calderón, e comprometérase coas empresarias galegas para beneficialas co outorgamento de contratos públicos para salvar o naval. O que non sabía é que, tempo despois, o presidente mexicano daría cumprimento a dita promesa e relanzaría a carreira política de Núñez Feixoo, que fiaba a súa reelección precisamente aos contratos dos floteis.

Tampouco é un segredo a mala relación existente entre o presidente do Celta e o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, co que mantén unha pugna pola reforma do estadio de Balaídos, de titularidade municipal. Por outra banda, Mouriño cedeu ao Partido Popular a sede social do Celta, hai agora un ano, para celebrar un mitin, con Pablo Casado como estrela principal. Un acto político que causou enfado entre as socias e socios do clube.

Relacións co PP

O que está claro e que Mouriño se sente cómodo co PP, ao que acode a axudar sempre que pode. Non é de estrañar, por tanto, que elixira o veciño concello de Mos, gobernado por esta formación, para situar alí a cidade deportiva do Celta e mesmo o seu futuro estadio.

O Celta tamén uniu a Mouriño co conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez, que exerceu como administrador concursal do clube cando traballaba como inspector de Facenda e que tempo despois mesmo chegaría a facer negocios no sector do viño co empresario vigués, un feito que preferiu ocultar após ser nomeado conselleiro do PP.

Comentarios