O Celta reorganiza a súa área de fútbol e quere que Giráldez continúe

O Gran Peña deixará de ser o segundo filial celeste.
O director do fútbol do Celta, Marco Garcés, onte. (Foto: RC Celta).
photo_camera O director do fútbol do Celta, Marco Garcés, onte. (Foto: RC Celta).

Novidades en casa Celta. A complicada situación do equipo na táboa clasificatoria, onde ocupa a décimo sétima posición con só tres puntos de vantaxe sobre os postos de descenso a Segunda División, non paraliza a actividade interna do club, como demostrou Marco Garcés. 

O director de Fútbol celeste protagonizou unha rolda de prensa na que avanzou unha reorganización interna do departamento baixo o seu control coa idea de que "desde o Benxamín 'B' até os de Primeira División, xoguen da mesma forma".

Para iso, o organigrama dividirase en seis areas cos seus respectivos líderes: Scouting (Álex Otero), Administración (Míchel Martínez), Metodoloxía (Edu Covelo), Ciencias do Deporte (Álex Andujar), Servizos Médicos (Juan José García Cota) e Primeiro Equipo (Claudio Giráldez).

Con respecto a este último nome, que remata contrato o próximo 30 de xuño, Marco Garcés insistiu nas declaracións que fixera durante a súa presentación como substituto do destituído Rafa Benítez, explicando que o técnico xa ten enriba da mesa unha oferta para estender a súa vinculación co Celta alén do verán.

Para o director de Fútbol olívico, o ex preparador do Fortuna é o idóneo para o cargo, con independencia da categoría na que militen a próxima tempada, pois non quere "nin oír falar doutra alternativa" que non sexa xogar na Primeira División na 2024/25.

A outra gran novidade que achegou foi o punto final á vinculación que mantiña o Real Club Celta de Vigo co Gran Peña para que esta entidade actuase como segundo filial, logo de tres tempadas. O motivo aducido por Marco Garcés é "acelerar os procesos e mellorar a competitividade" á hora de subir xogadores.

Máis en DEPORTES
Comentarios