O Celta prepara o asalto a Mendizorroza após o empate en Balaídos

Partido intenso e traballado por ambas as dúas partes. O asedio celeste á meta alavense na segunda metade topouse cos postes.

celta alavés jonny
photo_camera Imaxe: RC Celta

Ninguén dixo que ía ser cousa feita, ninguén. O Celta era consciente de que o Alavés é un rival duro, pétreo, ao que é difícil facerlle un gol e do que é difícil non recibir un. O primeiro asalto da semifinal da copa do rei deixa as espadas en alto: empate a ceros en Balaídos. A volta, en Mendizorroza. A favor dos alaveses, que xogan na casa, en Mendizorroza, estadio que saben ben como converter nun fortín. A favor dos galegos, que se marcan un gol, o Alavés terá que facerlle dous para poder pasar. Consciente diso, Berizzo insistiu que a eliminatoria eran 180 minutos, non só os 90 do primeiro partido. Ou sexa, que os xogadores celestes non se consumisen pola ansiedade do primeiro round. Xogar contra o Alavés require paciencia, tesón e intelixencia.

A primeira metade amosou que o Alavés sabe a que xoga e o que quere. Maniatou o Celta, que non foi quen de tirar nin unha soa vez a portería nos primeiros 45 minutos. Ben colocado e atento, o conxunto vasco incomodou os celestes, que non se sentiron cómodos e non foron quen de tecer xogadas. Cambiou a cousa na segunda metade. O Celta saíu enchufado. Atacou, furou, acelerou. Enfronte, un Alavés que en ningún momento deu impresión de estar esgotado ou amedrentado. A sorte, desta volta, non sorriu aos galegos. Balóns de Aspas ao traveseiro e de Tucu Hernández ao pau permitiron ao Alavés saír vivo de Balaídos. Agora, o pase decidirase en Mendizorroza. Ao Celta dáselle ben xogar de visitante.

Ficha técnica

Celta (0): Sergio, Hugo Mallo, Cabral (Sergi Gómez, min.80), Roncaglia, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja, Pablo Hernández, Wass (Guidetti, min.76), Bongonda (Sisto, min.68), Iago Aspas.

 Alavés (0): Pacheco, Femenía, Laguardia, Feddal, Theo, Llorente, Camarasa (Romero, min.83), Manu García, Ibai (Vigaray, min.75), Toquero (Edgar, min.62), Deyverson.

 Goles: sen goles.  Árbitro: González González, do comité castelán-leonés. Amoestou Bongonda (Celta); Llorente, Camarasa (Alavés).

 Campo: Balaídos (18.969 espectadores).

Comentarios