Celta e Nápoles fechan o acordo que envía Gabri Veiga a Italia

O futbolista natural do Porriño xogará na Serie A italiana tras alcanzaren os clubs un acordo por 36 millóns de euros máis bonus, o que se achegaría aos 40 millóns da cláusula que tiña Veiga.
Gabri Veiga celebra un gol ante o Betis en Sevilla (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Gabri Veiga celebra un gol ante o Betis en Sevilla (Foto: AFP7 / Europa Press).

A especulación chegou á súa fin. Polo menos así o afirma o xornalista deportivo Fabrizio Romano que nas súas redes sociais asegura que o futbolista do Celta Gabri Veiga foi fichado polo equipo italiano Nápoles.

Así, o futbolista natural do Porriño xogará na Serie A italiana tras alcanzaren os clubs un acordo por 36 millóns de euros máis bonus, o que se achegaría aos 40 millóns da cláusula que tiña Veiga.

Segundo adianta Romano, Veiga asinaría un contrato de cinco temporadas o que, de cumprirse, estenderá a carreira do galego no Nápoles até 2028.

“Aceptou os termos”

“Veiga xa aceptou os termos do contrato”, asegura o xornalista deportivo.

Deste modo, o prodixio do Celta deixa o club tras asinar unha magnífica temporada que culminou cun gran partido final ante o Barcelona que selou a permanencia dos vigueses na máxima división do fútbol estatal.

Comentarios