ANÁLISE | O Celta non pode volver depender dun 'efecto bolboreta' para seguir en Primeira

Debullamos as causas detrás da agónica permanencia celeste e as súas perspectivas de futuro
Foto: Nós Diario
photo_camera Todas as seareiras e seareiros presentes en Balaídos respiraron con alivio logo de lograr, outra vez, unha salvación no último minuto .

Custou sangue, suor e moitas bágoas, pero o Real Club Celta de Vigo fechou o pasado domingo unha agónica permanencia na máxima categoría logo de vencer en Balaídos o Fútbol Club Barcelona (2-1) con dous tantos de Gabri Veiga. Mais, que hai detrás do fracaso dun proxecto que, en palabras do presidente Mouriño antes do comezo da tempada, tiña como obxectivo "dar ese saltiño de calidade para colocarse en Europa" e que pode facer o club para evitar verse de novo nunha situación semellante?

Xullo de 2021: o Real Madrid confirma a fichaxe dun rapaz de 12 anos da canteira do Celta chamado Bryan Bugarín. Este movemento aparentemente menor e irrelevante foi en realidade "o bater das ás da bolboreta" que, seguindo a  Teoría do Caos de Edward Lorenz, cambiou o curso natural das cousas provocando a irrupción de Gabri Veiga, o salvador celeste dous anos despois.

Sen a marcha do canteirán, Carlos Mouriño non rompería relacións con Intermedia Sport Player, a axencia que xestionaba a carreira de Bugarín... e dun Denis Suárez ao que, tras uns meses de guerra fría, sentenciou a ver a tempada desde as bancadas en agosto de 2022.

Coa prohibición 'desde arriba' de contar co seu 'cerebro', o técnico Eduardo Coudet viuse na obriga de apostar por un rapaz de 21 anos chamado Gabriel Veiga Novas, que non só tornaría en imprescindíbel tanto para o arxentino como para o seu sucesor, o portugués Carlos Carvalhal, senón que ademais sería o heroe e artífice da permanencia.   

Como se dun déjà vu de 2009 se tratara, cando evitou o descenso a Segunda B con dous tantos un debutante de nome Iago Aspas -erixido nas últimas xornadas da Liga 2022/23 nunha sorte de Cid Campeador que vagaba polo campo intimidando o rival coa súa magnífica presenza, pero absolutamente lastrado polas doenzas físicas-, foi un home da casa quen saíu ao rescate. 

Non foi ningún dos tres atacantes traídos para acompañar Aspas na punta do ataque -Haris Seferović, Gonçalo Paciência e Jørgen Strand Larsen-, que marcaron tan só nove goles entre todos; nin a gran perla sueca Williot Swedberg, con unicamente 52 minutos disputados en todo o campionato; nin o porteiro internacional arxentino Agustín Marchesín, que tiña opacado no banco até a súa grave lesión ao galego Iván Villar, que demostrou un rendemento moi superior, recibindo 1,26 tantos por encontro por 1,53 do anterior titular da meta celeste.

En realidade, e quizais co permiso do cedido Carles Pérez -quen non destacou até o tramo final da campaña-, ningunha das fichaxes polas que o club desembolsou un total de 22,7 millóns de euros supuxo un engadido ao cadro de xogadores que rematara no décimo primeiro posto en 2022, sendo un canteirán como Gabri Veiga, que contou con minutos non por outra cousa máis que polo bater das ás da bolboreta, o que se tivo que botar o equipo ás costas.

Como choraba despois de transformar un segundo e definitivo tanto que retrotraía a aquel marcado por Jon Andoni Goikoetxea no Mundial de Estados Unidos 1994. Como tapaba a cara e tremía no banco despois de ser substituído nos intres finais do encontro co Barça. Unha viva definición de celtismo, quizais a última de Gabri, xa que, nunha situación semellante á vivida en 2022 con outro futbolista da base como Brais Méndez ou hai 10 anos con Iago Aspas, o club podería vendelo para facer caixa.

A súa marcha agravaría un mal que lembrou Iago Aspas días antes do choque a vida a morte ante o Barcelona, recordando a quen o quixese oír que o equipo ía "curto de calidade".

Mais os problemas que conduciron ao Celta a depender dun triunfo ante o campión de Liga para non descender van alén da calidade dos futbolistas, tamén radican no seu número, xa que a falta de fondo de armario neste derradeiro tramo de campionato evidenciouse no baixón de rendemento das pezas chave do equipo, botando aínda máis luz sobre o bloqueo sufrido por un Carvalhal que deu a entender o seu adeus ao Celta.

Os que a pesar de todo non marcharon, nin o farán, foron uns seareiros e seareiras que co seu apoio foron vitais para a salvación. A entidade celeste débelles, ademais dunha normalización en eidos como a asistencia aos adestramentos, recuperar a senda perdida do éxito no xa afastado 2017. 

Comentarios