Fútbol | 1ª División

O Celta mantén "confianza plena" en Rafa Benítez: "É un home sumamente traballador"

O adestrador madrileño aínda ten crédito no club.
Garcés tamén abriu a porta á posibilidade de vender a Larsen unha vez que conclúa a tempada. (Foto: RC Celta).
photo_camera Garcés tamén abriu a porta á posibilidade de vender a Larsen unha vez que conclúa a tempada. (Foto: RC Celta).

O director da área de Fútbol do Real Club Celta de Vigo desde o pasado 26 de decembro, Marco Garcés, ofreceu esta cuarta feira unha rolda de prensa na que analizou diferentes aspectos da actualidade celeste.

A máis importante foi a continuidade ou non do técnico madrileño Rafa Benítez á fronte do primeiro equipo, moi criticado por un sector xa maioritario da parroquia olívica, que considera insostíbel que siga no cargo logo de lograr 20 puntos nos 24 primeiros partidos de campionato, que teñen o Celta como cuarto pola cola con só tres puntos de marxe sobre o limiar dos postos de descenso a Segunda, todo iso co agravante de ter lugar na tempada do centenario.

Non obstante, todo iso non é óbice para que no Consello de Administración exista "confianza plena" no ex campión de Europa e da Liga, a quen Garcés definiu como un home "sumamente traballador, que chega cedo e sae a altas horas da noite, pensando só no seguinte partido", que esta semana será ante todo un Fútbol Club Barcelona que visitará Balaídos ás 18.30 horas do sábado.

Ademais, o mexicano desmentiu que sexa un "tema económico" o que frea a destitución dun Benítez que cobra arredor de cinco millóns de euros brutos por tempada e que, dado que ten contrato asinado até 2026, percibiría como liquidación unha cifra non inferior aos nove 'quilos'.

Por outra parte, Marco Garcés tamén deixou entrever a posibilidade de que o segundo máximo goleador do Celta de Vigo na presente tempada, o xigante noruegués Jörgen Strand Larsen, faga as maletas unha vez que a 2023/24 baixe o pano.

"A tempada que está facendo [Larsen] é rechamante, non é un segredo, así que seguramente chegarán ofertas. Unha venta por 25 millóns, o dobre que pagamos por el, soa ben, pero neste momento parece pouco porque o mundo do fútbol é moi diferente ao de 2022", explicou.

Finalmente, o director de fútbol da entidade olívica destacou a "grande unión" existente  no vestiario e o apoio da afección, aínda que lle doeron os asubíos que escoitou Benítez.

Comentarios