O Celta gaña con estratexia en Alemaña

O equipo celeste derrota ao Wolfsburgo alemán cun gol de xogada ensaiada que transformou Unai Núñez.

A xogada do gol partiu dunha xogada ensaiada (Foto: RC Celta).
photo_camera A xogada do gol partiu dunha xogada ensaiada (Foto: RC Celta).

Cuarto partido para os de Rafa Benítez que sumaron este sábado en Alemaña a súa terceira vitoria da pretempada, esta vez diante o Wolfsburgo.

O resultado final (0-1) pouco importou se do que se trataba era de comezar a sacar conclusións antes do inicio da liga previsto para o equipo galego o domingo 13 de agosto (Balaídos, 17 horas).

Benítez esgotou os cambios e fixo xogar aos 21 xogadores que se desprazaron, mesmo o porteiro do filial Coke Carrillo, que estivo nervioso nunha xogada por alto de certo perigo.

Porén, o máis interesante foi comprobar que o técnico madrileño vai tirar de estratexia para mellorar o rendemento de cara a portaría.

Foi despois dunha xogada ensaiada como chegou o gol do Celta na primeira parte despois dunha falta lateral que Iago Aspas serviu para que rematara Unai Núñez e abrira o marcador.

Na segunda parte, os saques de esquina foron os protagonistas con dúas xogadas que buscaron aumentar o resultado favorábel aos celestes. Primeiro Aspas, cun tanto anulado por fóra de xogo, e despois Paciência, demostraron que o xogo do do Celta no seu centenario pode dar moito de si.

Comentarios