Un Celta eufórico e un Dépor conmocionado atópanse no #nosoderbi

Os vigueses reciben en Balaídos os branquiazuis no seu mellor momento en anos, namentres o rival segue baixo o efecto da humillación sufrida ante o Madrid. Porén, a condición de gran clásico do fútbol galego obriga a deixar a un lado os prognósticos. 

derbi
photo_camera derbi

Frases escoitadas nos últimos días. Un deportivista: “Neste plan, o Celta vainos meter unha chosca”. Un celtista: “Ante o Dépor sempre nos entra o medo”. Hai moitas opinións máis, pero estas dúas, así combinadas, serven para simbolizar e definir a condición de partido atemporal e case alleo á actualidade competitiva que sempre é un Celta-Dépor. Dispútase, de regreso en Primeira, este martes en Balaídos (22.00 horas, televisado en aberto).

A imaxe do Dépor ante o Madrid foi patética; a do Celta no campo do Atlético moi boa; pero os derbis sempre se xogan fóra dos precedentes

Alén da excepcionalidade que sempre acompaña ao encontro de máxima rivalidade do fútbol galego, existen uns feitos innegábeis: os celestes son oitavos, moi perto das posicións europeas e aínda non coñecen a derrota no que vai de Liga. Pola súa parte, o Dépor sitúase fóra do descenso, pero agás en Eibar nunca ofreceu unha imaxe que ilusione e vén de sofrerr a maior goleada en casa da súa historia; o 2-8 que lle endosou o Real Madrid en Riazor, toda unha humillación que mantén conmocionada a casa branquiazul.

Con todo, o Dépor pode presumir de mellor percorrido histórico nos últimos derbis. O gol de Lassad, o de Borja, o empate na súa última visita ao Fragoso ou a goleada no día da infantil auto-expulsión de Aspas inxectan folgos entre unha afección, a deportivista, que desprazará a uns 700 afeccionados a Vigo a pesar do nefasto horario que os intereses comerciais impuxeron para un partido de tanta magnitude.

Víctor Fernández volve a Balaídos nun momento en que comeza a ser discutido na Coruña; Berizzo elevou as esperanzas do celtismo

Está no punto de mira o adestrador branquiazul, Víctor Fernández, que amosou escaso orgullo para un club da categoría histórica do Dépor e cometeu erros básicos de proposta defensiva ante o Real Madrid. Volve a Balaídos o técnico aragonés, onde deixou mellor recordo futbolístico que persoal, e terá enfronte a unha referencia dos anos dourados do Celta, Toto Berizzo, que en menos de dous meses xa ten conquistada, tamén desde o banco, á claque viguesa cunha proposta de fútbol ambicioso e ofensivo, que perde peso atrás ou nos minutos finais dalgúns partidos pero que ten elevado as expectativas celestes até unha Europa que hai só ano e medio parecía unha quimera.

Malia que o Celta amosou até o de agora moito máis fútbol que o Dépor, os branquiazuis superarían os celestes na táboa se gañan

Decisivos na xigantesca ilusión que vive Balaídos son xogadores como o porteiro Sergio, Álex López, un Pablo Hernández que marcou no Calderón un tanto antolóxico ou a talentosa dianteira que forman Orellana, Larrivey e Nolito, aínda que dificilmente xogarán os tres xuntos. Enfronte, moitas dúbidas na aliñación branquiazul. O normal serían moitos cambios tras a desfeita do sábado. Pero Víctor segue sen atopar un equipo, algo que nalgún caso intentou resolver atendendo antes a intereses políticos -dándolle entrada ás fichaxes de última hora- que ás necesidades futbolísticas dun plantel con eivas e en formación, pero onde semella importante o papel que poidan xogar xentes da canteira como Álex Bergantiños (tamén Juan Domínguez, pero caeu lesionado) e no que tamén queda por ver se o gardameta Lux mantén a titularidade e, nese caso, se recupera o seu nivel ou volve amosar a febleza do que vai de campionato.

Hai interrogantes no Dépor; sensacións poderosas no Celta. Pero xógase un clásico, que todo o cambia. Tanto, que o comezo desta particular Liga galega daría un xiro de 180 graos se os coruñeses acadan o triunfo, posto que superarían os celestes na táboa. Polo contrario, a vitoria local abriría unha grave crise na Coruña e elevaría até os ceos o optimismo vigués. Ambas opcións son posíbeis. Ao igual que o empate. Unha das tres cousas pasará seguro. Esa é a única e obvia certeza. O demais é derbi

Comentarios