Celta e Depor comezan xa a planificar o futuro

O Celta está na elite e o Depor visita outra volta o averno. Mas ambos comezan xa a planificar o futuro. O Celta, nunha situación de certo desabafo económico. O Deportivo, en pleno concurso de acreedores, vaise ver abocado, no mellor dos casos, a unha brutal redución orzamentaria.

Celta e Depor
photo_camera Celta e Depor

Moitas incógnitas e algunhas certezas. Certeza en Vigo: o Celta ten a economía aparentemente saneada, cunha débeda que algunhas fontes sitúan no entorno dos 14 millóns de euros. Certeza na Coruña: o lastre da débeda afoga o clube, máis de 140 millóns de euros que obrigarán ao Deportivo a se mover no retorno á Segunda División nun orzamento de clube mediano, non nun orzamento de clube comprador que lle vaia garantir un rápido ascenso.

Hai tamén incógnitas sobre quen sentará nos respectivos banquiños. En principio, na Coruña o consenso sobre a permanencia de Fernando está moi estendido, desde que, alén do máis, se ten convertido nunha sorte de líder do deportivismo nas últimas semanas. Nun momento de zozobra alguén ten que sinalar o camiño. Ese alguén está a ser Fernando. O camiño, o da reconstrución do clube sobre a base da potenciación da canteira. Un clube de casa que aposte nos valores próprios. Un proxecto a medio prazo, non curtopracista. Ese é o modelo que defende Fernando. E para ese modelo ten demandado un "pacto" entre seareirxs e clube.

En Vigo o técnico que salvou a equipa do descenso Abel Resino ten serias opcións de continuar, mas tampouco é seguro. O Celta xa ten o modelo feito, precisamente o modelo ao que apunta Fernando. A equipa aliñou até 8 futbolistas da factoría da Madroa en partidos chave para a permanencia neste curso. No día decisivo Abel puxo na baliza a Rubén Blanco, un gardamallas que é menor de idade. Con 17 anos salvou a equipa en varias intervencións a disparos francos dos puntas espanyolistas.

Celta e Depor sofrerán sensíbeis baixas no próximo curso. Marchan os futbolistas bandeira. Valerón no Deportivo, Iago Aspas no Celta. Da equipa celeste sairán tamén Roberto Lago -o lateral esquerdo asinou polo Getafe- e o gardaredes Javi Varas, que volta ao Sevilla. No Depor vaise viver unha fuga masiva de futbolistas. As súas fichas non son sustentábeis nas condicións económicos do novo Deportivo. Xente como Riki ou Aranzubia, que se comprometeron no descenso anterior, non son concebíbeis nun clube que desta volta se moverá nun orzamento non moi superior aos 10 millóns de euros.

Comentarios