O CD Lugo volve facelo e logra a fazaña da permanencia

Gañou 0-1 en Vallecas e mantese así na Segunda división.
Cd Lugo
photo_camera (Foto: Liga)

O Lugo volveu facelo, como en 2014 e 2020, e certificou a súa permanencia na categoría de prata do fútbol na última xornada, cando poucos apostaban -fóra das murallas, claro- polos lucenses. 

Desta volta, contra o Rayo Vallecano e en Madrid, nun partido non apto para cardiácos. O CD Lugo marcou de penalti e tirou de coraxe e rochosidade para manter a vantaxe (0-1) contra vento e maré.

A primeira parte estivo marcada polo dominio dos vallecanos, malia que o Lugo tamén gozou de ocasións de perigo. Non parecía unha delas a que no minuto 41 acabou cunha falta de Fran García sobre Gerard Valentín dentro da área e que levou o árbitro a sinalar penalti. Barreiro non marrou e o Lugo adiantouse.

Os homes de Albés encaraban a segunda parte do choque con intensidade e concentración desde primeiros compases, en busca da conservación dunha vantaxe que supoñía rematar a fazaña nunha tempada de infarto.

As mans de Cantero foron milagreiras en momentos decisivos do partido e nelas descansa boa parte da responsabilidade de que os lucenses se manteñan na categoría.

O tramo final deixou momentos de altísima intensidade, nunha loita sen cuartel por lograr unha vitoria que deixase o equipo na categoría merecida. Minutos de ida e volta, con opcións e achegamentos para os dous bloques e que acabou con vitoria dos lucenses.

Ficha

0 - Rayo Vallecano: Luca Zidane; Advíncula, Saveljich, Catena, Fran García (Andrés Martín, m.71); Valentín (Pozo, m.60), Comesaña; Isi Palazón (Bebé, m.60), Trejo (Guerrero, m.86), Álvaro García; e Qasmi (Ulloa, m.71).

1 - Lugo: Cantero; Campabadal, Venancio, Xavi Torres (Borja Domínguez, m.74), Alende, Canella; Gerard Valentín (Juampe, m.74), Seoane, Hugo Rama (Chris Torres, m.74), 'Puma' Rodríguez (Christian Rodríguez, m.45); e Manu Barreiro.

Gol: 0-1, m.41: Manu Barreiro, penalti.

Árbitro: Juan Luis Pulido Santana. Amoestou Andrés Martín (80), do Rayo;e Canella (93), Lugo.

Comentarios