As baixas obrigan o CD Lugo a "se reinventar" fronte ao Xirona

A parada da competición en Primeira pon todo o protagonismo esta fin de semana nos encontros de Segunda e da Liga RFEF. O Lugo terá que acondicionar o seu equipo ás baixas, até dez, para non perder o ritmo mentres que Depor e Racing procurarán afianzar as súas posicións non seus encontros.

As baixas obrigarán ao CD Lugo a ter un "plan B" no seu partido contra o Xirona (CD Lugo).
photo_camera As baixas obrigarán ao CD Lugo a ter un "plan B" no seu partido contra o Xirona (Foto: CD Lugo).

Sen competición esta fin de semana pola parada da liga en Primeira División pola participación da selección española, a actualidade lévanos até a Segunda e a Liga RFEF. 

Este sábado 9 de outubro o CD Lugo enfrontarase ao Xirona (16 horas) cun equipo no que predominan as baixas, até dez incluída a de Jaume Cuéllar para xogar con Bolivia, que non poderán estar no Anxo Carro. En rolda de prensa, o terceiro capitán do equipo, Iriome, admitía que "estamos nunha liga rifada, moi igualada, que vai seguir así todo o ano”. Sinalaba satisfacción "polo nivel de competitividade do grupo" aínda que teñen que "seguir a pulir cousas".

En relación ao partido contra o equipo catalán advirte que "o Xirona  FC non se parece ao CD Leganés, mais son equipos que en canto nivel, teñen xogadores dunha enorme calidade".

No tema das baixas cre "os xogadores están totalmente capacitados" para as substitucións. "Tivemos operacións, xogadores que non puideron facer a pretempada... pero temos uns profesionais ao noso ao redor que valen o seu peso en ouro", asegura. 

O Depor "sen nervios" viaxará até Irún

Na Liga RFEF, o Depor visitará tamén o sábado ao Real Unión de Irún (17 horas) e terá a posibilidade de manterse nas primeiras posicións malia os malos resultados anteriores. En rolda de prensa, Jaime Sánchez afirmaba que o equipo "non está nervioso" e despois de dous partidos sen gañar, "por suposto que queremos volver á vitoria". Do partido diante a Real Unión de Irún, o defensor deportivista advirte que vai ser "complicado.

Eles empezaron ben, pero agora veñen dun momento bastante malo; mais nesta categoría calquera equipo pode gañarche e máis fóra de Riazor". 

O Racing de Ferrol, polo seu lado, contará con sacar un bo resultado do partido que manterá este domingo contra o CD Badaxoz (17 horas), un dos grandes conxuntos da categoría que, polo momento, está a responder ás expectativas creadas. Só perdeu en Riazor e, con 10 puntos, tres máis que o equipo verde, atópase en postos de playoff. Para o capitán dos de Ferrol, Joselu, é "moi importante" non só para conseguir resultados "o apoio da afección".

O dianteiro ribeirense lembra que esta tempada visitarán campos de equipos que contan con masas sociais moi amplas e que ese respaldo supón en moitos partidos un mellor resultado. 

O terceiro dos encontros con participación galega, será a visita desta sexta feira do Celta B (aínda en xogo ao remate desta edición) que abriu a sétima xornada da liga de Primeira RFEF coa súa visita ao Bilbao Athletic na capital biscaíña. 

Comentarios