A Carreira pola Igualdade de Narón abre os actos do 8-M

O mundo do deporte non é alleo á reivindicación.

A pouco máis dunha semana da celebración por todo o país do Día Muller, o 8 de marzo, son moitas as actividades deportivas que se tinxirán da cor morada da reivindicación da igualdade de xénero por Galiza adiante.

Unha das primeiras en disputarse, que mesmo se adianta á propia data do 8-M, é a Carreira e Andaina pola Igualdade de Narón, que se desenvolverá tan cedo como o próximo sábado, 3 de marzo.

A cita, organizada polo Concello naronés coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (FGA), terá tanto a liña de saída como a de meta nas inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara.

Con respecto á inscrición, durante o acto de presentación, no que tomaron parte a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, ademais de insistir na reivindicación da "necesaria igualdade" anunciaron que o prazo para completala permanecerá aberta até esta quinta feira, 29 de febreiro, polo que todas as persoas interesadas en formar parte do evento aínda están a tempo de completala e unirse ás 300 mulleres e homes que xa confirmaron a súa participación.

Ademais, esta non só está limitada ás adultas, xa que a organización habilitou diferentes categorías para as menores de idade: benxamín, cun percorrido de 100 metros con saída ás 10.45 horas; benxamín Sub-10, na que a distancia se eleva até os 500 metros e a saída está prevista ás 10.30; alevín Sub-12 e Alevín Sub-14, con 1.500 metros de extensión e o disparo de saída ás 10.15; completando esta serie de modalidades de base a cadete e xuvenil Sub-16 e Sub-18 ás 10 horas, quen deberán correr un total de dous quilómetros. 

No referente á categoría absoluta, a organización confirmou que esta terceira edición do certame a Carreira e Andaina pola Igualdade de Narón volverá ter 5.000 metros de extensión e a saída prevista ás 11 horas, do mesmo modo que xa acontecera o pasado ano 2023.

A maiores, o Concello lembra que a inscrición ten un custo de catro euros na carreira competitiva para a categoría absoluta, mentres que as das menores de idade serán totalmente gratuítas. A participación na andaina -que terá unha distancia algo menor, de 4.500 metros, e a saída algo máis tarde, ás 11.15 horas-, pola súa parte, tamén será a un prezo de catro euros .

Comentarios