O campo a través galego Sub-16 e Sub-18 viaxa até Iruña

A Irmandiña de campo a través Sub-16 e Sub-18 estará o sábado en Iruña (Euskal Herria) para participar no Campionato de España.
A atleta Xela Martínez nun momento da carreira (Foto: RFEA)
photo_camera A atleta Xela Martínez nun momento da carreira (Foto: RFEA)

A selección galega de campo a través Sub-16 e Sub-18 acudirá este sábado até Iruña (Euskal Herria) para participar no Campionato de España desta modalidade do atletismo.

No equipo galego Sub-18 estará a internacional da Atlética Lucense, Xela Martínez, que aspira a reeditar o título individual de campioa de España logrado o ano pasado.

A lucense está realizando unha gran tempada sendo vixésimo segunda e primeira europea no Mundial.

No mesmo equipo, tamén estará defendendo os intereses galegos Amparo Corredoira,  Leyla Villar, Sara Guedes, Sandra González e Estela Díaz.

Na categoría masculina Sub-18, viaxará Teo de Frutos, que colleitaba recentemente un bronce no campionato de España de pista cuberta na proba dos 3.000 metros. Estará acompañado de Asheber Díaz, Miguel Alvariño, Pepe Sánchez del Valle, Iker Fernández e Anxo Bello. 

Selección Sub-16

Na categoría Sub-16, encabezan a selección Alex Sierpes e Sabela Castelo. A do Morrazo xa lograba este ano proclamarse campioa galega Sub-16 nos campionato de cros escolar e federado, completando esta tempada co título galego Sub-16 nos 3.000 metros en pista cuberta.

Igual balance ten o atleta Alex Sierpes, agás na pista cuberta, onde optaba polos 1.000 metros sobre os que lograba un importante récord galego con 2:34.59.

Completan o equipo masculino Sub-16, Roque González;  e os medallistas de campo a través e pista cuberta, Mario Lorenzo, Daniel Ameneiro, Gael Varela e Alejandro Santos.

Nas mulleres estará a subcampioa galega de cros, Sabela Martínez, a subcampioa galega de 3.000 metros, Paula Fernández, as irmáns Debris e as atletas Dameku Paniagua e Carmen Martínez.

Comentarios