Xela Martínez e Amparo Corredoira loitarán por metais en pista cuberta

Corenta atletas da Galiza estarán nos estatais Sub-18  que decorrerán esta fin de semana en Salamanca, Castela e León.
Xela Martínez, en Bizkaia (Foto: Atlética Lucense).
photo_camera Xela Martínez, en Bizkaia (Foto: Atlética Lucense).

Nova fin de semana e novo Campionato de España de pista cuberta Sub-18 desta vez na cidade de Salamanca (Castela e León) os días 11 e 12 de marzo. Nel haberá, como representación galega, un total de corenta atletas na procura de metais e bos rexistros. 

Na listaxe de participantes salienta a presenza da plusmarquista estatal dos 3.000 metros, Xela Martínez, da Atlética Lucense, que aspira a un novo título sen renunciar a eses 9:14.96 que ela mesma acreditara como tope estatal en 2022 en Ourense.

Xunto á internacional, outra do mesmo club que estará na loita polo título será Amparo Corredoira. A deportista parte coa mellor marca na proba dos 1.500 metros.

Tamén nas distancias longas correrá Asheber Díaz, do Celta, cun excelente estado de forma e, polo tanto, firme candidato ás medallas.

No medio fondo, a representación galega feminina nos 800 metros será Celia Castro, do Mazi. Nos homes, os ferroláns Ricardo Negrete, do Atletismo Ferrol, e Adrián Rivadulla, do Ría, liderarán a participación sobre esta distancia.

En relación ás probas de velocidade, estarán presentes, e con posíbeis finais, Nerea Martínez (60 metros), Antía Pernas e Javier de la Fuente (200 metros) e Alicia Barreiro con Fabián Parada (400 metros). 

Pértega e combinadas

No concurso de pértega, Manuela Blanco, do Ourense Atletismo, viaxa cun rexistro de 3.50 metros polo que podería estar no podio. Nos homes, Alejandro Villaverde, da Ximnástica, pelexará por un posto na final á que tamén aspira Unai Loureiro, do Coruña Comarca, en lonxitude e triplo.

Por último, haberá que prestar atención ao desenvolvemento do concurso en combinadas na que Matías Moldes, do Ximnástica, tentará superar a barreira dos 4.500 puntos.

Comentarios