Ribadavia acolle a 86 edición do Galego de Cross

A nova tempada atlética arranca con forza
Atletas do ADAS Proinor, entre as grandes e os grandes favoritos. (Foto: ADAS Proinor).
photo_camera Atletas do ADAS Proinor, entre as grandes e os grandes favoritos. (Foto: ADAS Proinor).

O 86 Campionato da Galiza de Campo a través colle a remuda do Torneo de Reis de Pontevedra nunha tempada atlética 2022 que polo de agora, como en 2020 e 2021, continúa marcada polas medidas de seguridade e control contra a pandemia.

Iso non é óbice para que no I Cross Vila de Ribadavia, programado para o vindeiro domingo, día 9 de xaneiro, se reúnan perto de 200 atletas, entre as que destaca a presenza de Manuel Hurtado (Ximnástica de Pontevedra), gañador da edición do ano 2018, ou a de Antonio Serrat (Real Club Celta) e Alejo Ares (ADAS Proinor), ouro e bronce respectivamente na edición do 2019 en As Pontes.

Outra das grandes atraccións será un dos grandes valores do atletismo galego, Medhi El Nabaoui, que pretende engadir este título que se disputará sobre o trazado da Veronza.

Con respecto ao resto de participantes, o Campionato da Galiza representa unha ocasión inmellorábel para seguir as evolucións do campión nacional Sub-20, Jorge González Mariño (Atletismo Narón); do seu compañeiro de equipo Juan Rejas; de Pablo Monteagudo (CA Santiago); Iván Roade (ADAS Proinor) e Bilal Dahmouni (R.C.Celta), entre moitos outros.

Un podio femenino moi competido

Na categoría absoluta feminina, e ante a ausencia da campioa galega, a lucense Marta Casanova, destaca a participación da internacional Esther Navarrete, que xa levantou o título da Galiza nas edicións de 2015 e 2017.

As mulleres que tratarán de impedir que amplíe o seu contador de triunfos serán Ángela Gónzalez -prata en 2020- e a actual campioa Sub-23, Laura Santos (Lucus Caixa Rural). Do mesmo modo, poderían dar a sorpresa Antía Rodríguez (Adas Proinor), Mariam Ferrán (Atletismo Santiago) e Paula de la Torre (Ximnástica de Pontevedra), entre outras.

Mención especial merece a atleta máster Soledad Castro Soliño, do Comesaña, quen é por moito a atleta que máis edicións disputou dun torneo que levantou nos anos 2001 e 2002.

Selección Galega

Este campionato contará co engadido de ser selectivo para formar parte da selección galega que tomará parte no Campionato de España de Campo a través.

Comentarios