Campo da Feira vence na décima xornada da Liga Atlántica de Billarda

O exceso de vento provocou as puntuacións máis baixas da tempada na última xornada que decorreu no municipio bergantiñán de Carballo.
Irene, de Cochiqueiros (Foto: LNB).
photo_camera Irene, de Cochiqueiros (Foto: LNB).

O forte vento marcou a décima xornada da Liga Atlántica de Billarda, conferencia Noroeste, que tivo lugar no campo de fútbol de Razo, no municipio bergantiñán de Carballo.

Antes de comezar o xogo, a organización realizou un recoñecemento público a Roi Rey Castro, unha persoa entregada á billarda, que cumpriu 100 xornadas de liga nesta categoría. 

No aspecto deportivo, Campo da Feira (de Arteixo, comarca da Coruña) aproveitou as circunstancias meteorolóxicas para vencer dunha maneira inapelábel e sumar 48 puntos.

Así, sacou beneficio da xornada e achégase aos catro puntos do liderado que mantén o bergantiñán APB A Laracha, que sumou un total de 41 puntos. 

Outro equipo beneficiado polo mal tempo foi Cochiqueiros (de Cerceda, comarca de Ordes) que, con 40 puntos, quedou terceiro.

Agora o equipo de Cerceda adiantou na xeral a Filloas de Sangue, da Coruña, que tivo unha xornada cativa, con 24 puntos. 

Vitoria para Xan Rodiño

Malia rematar a xornada coas puntuacións máis baixas de toda a tempada, houbo quen soubo aproveitar a ocasión.

Foi o caso do título de mellor a nivel individual, que recaeu en Xan Rodiño, de Lúa de Forza, equipo de Sanxenxo (comarca do Salnés). En segundo lugar quedou Iván, de APB, e en terceiro, Enrique, de Campo da Feira. 

Na categoría feminina, venceu, nesta ocasión, Marisa, de Lúa de Forza.

O segundo lugar foi para Merche, de APB, e o terceiro para Auri, de Campo da Feira. Miguel, de Campo da Feira, gañou en categoría infantil, por diante de Aleixo, de Cochiqueiros, e terceiro foi Valentín, de Filloas.

Comentarios